Ir o contido principal

O ciclo ‘Reactualizando o Santo Grial. Entre o mito e a realidade’, organizado en colaboración coa USC, comeza este martes en Lugo

O vicerreitor Xosé Pereira intervén este martes, a partir das 16.30 horas, no salón de actos da Deputación de Lugo, na sesión inaugural dun foro que rematará o día 24

O vicerreitor de Coordinación e Comunicación da USC, José Pereira, inaugura este martes, a partir das 16.30 horas, no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, o ciclo de relatorios ‘ Reactualizando o Santo Grial. Entre o mito e a realidade’, no marco dunha sesión na que tamén intervirán a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez, e o Ministro Provincial dos Franciscanos de Santiago, José Antonio Castiñeiro. Estas xornadas arredor do Santo Grial, que se enmarcan na programación cultural deseñada co gallo do 800 aniversario da orde dos Franciscanos en Galicia e en cuxa organización colabora a USC, inclúen, ademais de sete relatorios de asistencia libre e gratuíta que se desenvolverán no Pazo de San Marcos de Lugo desde o 13 ao 24 de xaneiro, visitas a museos e lugares emblemáticos do patrimonio natural recollidos na lenda do Santo Grial, e a proxección dos filmes A Búsqueda do Santo Grial, de Roel Oostra, e Himmler and The Holy Grail. O ciclo ‘Reactualizando o Santo Grial. Entre o mito e a realidade’ conta entre os relatores convidados con distintos expertos que afondarán nas súas intervencións na historia do Santo Grial, unha reliquia que ademais de ter unha gran transcendencia para o Cristianismo constitúe tamén un reclamo turítico de primeira orde. A súa antigüidade e as enigmáticas lendas que rodean as súas orixes contribúen a explicar a atracción que provoca. O programa de relatorios está aberto á participación de todo o público, pero tamén especialmente dirixido a profesores e estudantes do campus de Lugo. De feito, cómpre lembrar que a USC recoñecerá un crédito ECTS aos profesores e outro crédito de libre configuración ao estutantado do campus de Lugo que participen nestas xornadas. Quenda de relatorios Antonio Reigosa, do departamento de Comunicación e Xestión Cultural do Museo Provincial de Lugo, abrirá este martes, ás 17.00 horas, a quenda de relatorios das xornadas cunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘A Galicia máxica do Grial’. Ao seu remate, o profesor de Filoloxía Románica na USC Santiago Gutiérrez García ofrecerá a conferencia O ciclo artúrico na literatura. O xoves 15 de xaneiro terán lugar dúas conferencias. A primeira, de 17:00 a 18:30 horas, é sobre Interpretación antropolóxica do drama relixioso do Santo Grial, impartida por Xaquín Rodríguez Campos, profesor de Antropoloxía Social na USC. De 18:30 a 20:00 horas terá lugar a ponencia O mito do Grial na literatura galega contemporánea, a cargo de Carme Blanco García, profesora de Literatura Galega na USC. O 20 de xaneiro desenvolveranse os relatorios Metodoloxía antropolóxica: bases teóricas, de 17:00 a 18:30 horas, e Preparación do traballo de campo, de 18:30 a 20:00 horas, ambas a cargo de Elena Freire Paz, profesora de Antropoloxía Social na USC. O día 22 proxectarase o filme A Búsqueda do Santo Grial a partir das 15:00 horas e seguidamente haberá unha visita ao Mosteiro de San Martín Pinario, en Santiago, para saber máis sobre mitos e realidades das peregrinacións actuais. Ás 17:30 horas está organizada a visita á exposición O Legado franciscano en Galicia. De 18:30 a 20:00 horas realizarase a visita ao Museo das Peregrinacións e ás 20:30 horas proxectarase o film Himmler and The Holy Grail. O 24, os participantes viaxarán ao Cebreiro. De 9:30 a 13:30 horas recollerán datos etnográficos e de 13:30 a 15:30 xantarán e visitarán puntos emblemáticos do patrimonio natural relacionados co Grial. Despois de xantar, de 15:30 a 17:30 horas, realizarán de novo traballo de campo. De 17:30 a 19:00 horas terá lugar a charla O mito do Grial na música, a cargo de Antón de Santiago, do Conservatorio Estatal Superior de Música de A Coruña. Finalmente, de 19:00 a 20:30 horas, celebrarase o relatorio A Procura do Santo Grial ao longo da historia, a cargo de Xurxo Ayán, profesor de Historia Contemporánea na Universidade de Vitoria-Gasteiz. O acto de clausura das xornadas terá lugar no Salón de Actos da Deputación, ás 20:30 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.01.2015.