Ir o contido principal

A ciencia aberta, obxecto de análise nun seminario da USC

De esquerda a dereita, Gumersindo Feijoo, Mabela Casal, Eloy Rodrigues e Vicente Pérez. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Gumersindo Feijoo, Mabela Casal, Eloy Rodrigues e Vicente Pérez. FOTO: Santi Alvite
Eloy Rodrigues, director de Servizos de Documentación e Bibliotecas da Universidade do Minho, foi o encargado de impartir esta formación
Santiago de Compostela

O director de Servizos de Documentación e Bibliotecas da Universidade do Minho, Eloy Rodrigues, impartiu no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), un seminario en materia de ciencia aberta. “A Universidade de Santiago de Compostela debe incorporarse á estratexia de ciencia en aberto apoiada  pola Lei da Ciencia e a Comisión Europea, xa que é un dos núcleos para xerar emprego e crecemento”, explican dende a organización do seminario que correu a cargo das vicerreitorías de Política Científica e de Transformación Dixital e Innovación.

“Impulsala axudará na procura das solucións para os grandes retos que afronta a sociedade europea e que se puxeron de manifesto a través de diversas sondaxes realizadas por Eurostat: cambio climático, xestión da auga, seguridade enerxética e saúde pública”, engaden.

Eloy Rodrigues coordina a participación de UMinho en varios proxectos nacionais e europeos en relación cos repositorios e a ciencia aberta. É membro do Expert Group on Science 2.0/Open Science de EUA (European Universities Association) en representación do Consello de Reitores das Universidades Portuguesas. Foi Presidente do Consello Executivo da Confederación de Repositorios de Acceso Abierto (COAR) de 2015 a outubro de 2021. É membro do Executive Board de OpenAIRE.

No marco deste seminario tomaron parte representantes de diferentes centros e institutos de investigación, persoal da biblioteca universitaria, área TIC e área de xestión de I+D+I. Mediante unha tecnoloxía participativa, abordáronse os principais compoñentes e dimensións da ciencia aberta, así como as diferentes estratexias para a súa implementación na universidade e os recursos necesarios. Finalmente tratouse a reforma da avaliación investigadora, analizando diferentes iniciativas e os obstáculos e desafíos máis importantes para acadala.

Participantes no seminario. FOTO: Santi Alvite
Participantes no seminario. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.11.2022.