‘Ciencia á Feira’ visitará oito concellos da provincia de Lugo da man do grupo de innovación docente XuvenCiencia
O proxecto ‘Ciencia á Feira’ impulsado polo grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC e que vén de ser seleccionado para o seu financiamento pola FECYT na última convocatoria de axudas ao fomento da cultura científica, aproveitará os mercados tradicionais e os centros educativos de oito municipios da provincia de Lugo (Burela, Muras, Mondoñedo, Friol, Navia de Suarna, O Incio, A Proba do Brollón e Sober) para abordar con adultos e escolares contidos ligados coa prevención das doenzas transmitidas por carrachas, a xestión sustentable da auga e os microenxertos e micorrizas, a través da celebración de obradoiros e charlas divulgativas.
O grupo XuvenCiencia aproveitará a rede de mercados tradicionais para desenvolver as actividades programadas no marco do proxecto Ciencia á Feira, unha das tres propostas da USC, xunto co programa de radio de Manuel Vicente, Efervesciencia, e o proxecto ‘Olería de Galicia. Conciencia dunha tradición’, que acadou financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación, segundo indicou este luns a profesora na EPS de Enxeñaría Montserrat Valcárcel na presentación deste “innovador proxecto interxeracional”, no marco dun acto no que tamén participaron a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a xefa territorial de Educación na provincia de Lugo, Sagrario Sánchez, e a deputada provincial delegada da área de Cultura e Patrimonio, Iria Castro, ademais de rexedores e representantes municipais dos concellos participantes.
Acompañada doutros docentes e investigadores integrados en XuvenCiencia, Valcárcel, adiantou que as actividades incluídas —obradoiros tanto nos centros escolares como en locais municipais, para a poboación adulta—, no proxecto, que botará a andar xa no mes de outubro, faranse coincidir co día de feira, mercados aos que XuvenCiencia acudirá co seu propio posto para realizar tamén divulgación e repartir trípticos.
‘Ciencia á Feira’ é un proxecto interxeracional e comunitario de divulgación informal da ciencia que tira proveito de estruturas fortemente asentadas no medio rural: a escola, os concellos, as asociacións e os colectivos veciñais e, por suposto, as feiras, que funcionan como espazos seculares para a actividade económica, pero que tamén desempeñan un papel crucial de socialización, encontro e intercambio de información. As feiras e os mercados, lembrou Valcárcel, celébranse de xeito periódico en datas que son coñecidas por todos os habitantes da contorna e que funcionan como reclamo de seu. Estes actos sociais teñen a súa orixe na sociedade labrega, pero manteñen a súa vixencia no mundo contemporáneo, lembrou.
Programación
O programa de ‘Ciencia á Feira’ presentará tres accións sobre tres eixes temáticos que desde XuvenCiencia consideran relevantes na provincia de Lugo no contexto actual de quecemento global e cambio climático: as enfermidades transmitidas por carrachas, a xestión sustentable da augua e as micorrizas e microenxertos como ferramentas de produción vexetal.
O coñecemento das enfermidades transmitidas por carrachas e das chaves para a súa prevención centra unha das liñas temáticas de ‘Ciencia á Feira’, un proxecto no marco do que se explicarán patoloxías causadas por este tipo de ácaros, cuxa incidencia resulta crecente na provincia de Lugo, tal é como é a enfermidade de Lyme. A descrición de cando e onde son máis habituais as carrachas, o protocolo para a súa correcta extracción, as medidas de prevención e como actuar unha vez que se produciu a picada, constitúen o obxectivo desta actividade, na que colaborará o Sergas a través da participación dun médico internista do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo.
Outra das temáticas vertebrais de ‘Ciencia á Feira’ é a xestión sustentable da auga. O ciclo da auga, a pegada hídrica e a xestión deste recurso en Galicia serán os contidos incluídos nos obradoiros, nos que se darán a coñecer modelos de xestión de auga doméstica racionais e con que materiais se pode realizar. A utilidade histórica dos enxertos para a produción de froitos nas árbores e o concepto de microrriza e a súa función propiciarán outras das explicacións previstas neste proxecto, durante o que se desenvolverá un microenxerto in vitro de castiñeiro empregando como patrón un híbrido resistente á enfermidade da tinta que afecta a esta árbore.
Os oitos municipios escollidos teñen realidades diversas, pero presentan como denominador común o feito de estaren lonxe dos centros convencionais de xeración do coñecemento. Deste xeito Ciencia á feira ‘Ciencia á Feira’ pretende implicar nas súas actividades grupos demográficos a cotío excluídos das actividades de divulgación e transferencia científicas pola condición de seren persoas maiores de contornas rurais. Para este ambicioso cometido, XuvenCiencia conta coa colaboración dos concellos implicados no proxecto, así como da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e a delegación da Xunta en Lugo. O Centro de Recursos Educativos da ONCE en Galicia e a Asociación Galega de Comunicación Científica - DivulgACCIÓN, tamén expresaron a súa vontade de sumarse a esta iniciativa de promoción e divulgación científica.