Ir o contido principal

A ciencia, sen segredos en Lugo

Carlos Herrero nun momento do seu relatorio sobre quimiometría
Carlos Herrero nun momento do seu relatorio sobre quimiometría
Comezaron na Facultade de Ciencias as IV Xornadas de divulgación científico-tecnolóxicas

As enerxías renovables, o cambio climático ou a aplicación de diversos produtos químicos, son algúns dos temas que se abordarán na cuarta edición das Xornadas de Divulgación Científico-Tecnolóxicas que este martes comezaron na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo.
O programa destas xornadas, organizadas polos propios alumnos do centro, compóñeno dezasete relatorios a cargo de profesores e investigadores da área científica que se prolongarán ata o xoves 20.
As intervenciónsO vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, abriu ás 10:00 horas deste martes a quenda de conferencias falando de ‘Quimiometría e caracterización dos alimentos’ Seguíronlle a profesora Cristina Cabaleiro, cunha análise sobre ‘O nematodo do quiste da pataca: dos Andes a Xinzo de Limia’; e os profesores Ángel Cobos e Olga Díaz que trataron ‘Os envases comestibles’.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas, será a vez de Miguel Blanco e María Isabel Fernández, con cadanseu relatorio sobre ‘Escherichia coli patógenos’ e ‘As aplicacións industriais do manganeso e os seus compostos’, respectivamente.
O mércores 19, a partir das 9:30 horas, Elena Labisbal e Laura Rodríguez tratarán os ‘Modelos de metaloenzimas’, Urbano Fra ‘A gobernanza do risco e a súa avaliación’, Jorge Rivera reflexionará sobre a relación entre ‘Enxeñaría e lexislación’, e José Carlos Quintas tentará dar resposta á pregunta ‘¿Quo vadis planeta?’.
Antonio Rumbo tomará a vez ás 16:00 horas cun relatorio no que analizará ‘Como a química cambia a historia’, e a continuación Julio Seijas e Pilar Vázquez presentarán casos de ‘Química curiosa’.
Na mañá do último día das xornadas, o xoves 20, haberá tres novas conferencias, ‘Fire’ a cargo de José Vázquez; ‘Cambio climático, realidade e esaxeración’ de Gerardo Pereira; e ‘Enerxías renovables empregando microorganismos: biogas, hidróxeno, pilas de combustible microbianas’ da man de Jorge Rodríguez.
Agustín Merino tomará o relevo pola tarde con ‘Implicación dos sistemas agrícolas e forestais no cambio climático’ e Roberto Iglesias farao de seguido con ‘Aprendizaxe e tele-operación para o despregue rápido de robots en contornos descoñecidos’.
A intervención do decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga, sobre ‘Nanocomposites’ pechará as xornadas ao redor das 19:00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.05.2010.