Ciencia ao servizo da sociedade

Poñer en común as diferentes investigacións que dende diversas áreas de coñecemento centran a loita da Universidade de Santiago contra o coronavirus é a finalidade do foro Sumo Valor ‘A loita científica da USC contra a COVID’ que este venres reuniu no Centro de Estudos Avanzados aos científicos e científicas que contribúen a combater e paliar os efectos da pandemia na sociedade. Esta iniciativa enmárcase no programa de micromecenado da USC Sumo Valor, que inclúe entre as súas liñas de actuación, unha específica para facer fronte á loita contra o SARS-CoV-2.
O acto, organizado polo Consello Social, estivo presidido polo reitor Antonio López quen aproveitou a súa intervención para subliñar que Sumo Valor constitúe un “vínculo activo coa USC e un instrumento que reforza a nosa conexión coa sociedade”. O reitor destacou a importancia da transversalidade da investigación que se fai na Universidade e reivindicou o papel da investigación básica nesta loita contra a pandemia. Antonio López estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, quen destacou que o talento investigador “é un luxo que esta universidade ten”, alén de apuntar que “só se pode vencer a pandemia dende o coñecemento”. Pola súa parte, o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, explicou que Sumo Valor xa superou a fase piloto para situarse nunha fase de desenvolvemento na que conta co apoio do Consello Social. Nesta liña, a súa presidenta, Cecilia Sierra, puxo o foco en que a USC posúe “fortalezas investigadoras de primeiro nivel que a nosa contorna debe coñecer”, aspiración na que se enmarca este foro que serviu de espazo para dar a coñecer de que xeito a USC pon a ciencia ao servizo da sociedade.
Vacinas
No transcurso do acto, os científicos e científicas expuxeron en que punto se atopan os seus respectivos proxectos. Neste senso, os fondos captados a través de Sumo Valor están a servir como fonte de financiamento para dous proxectos desenvolvidos no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica (CiQUS). Por unha banda, o profesor Javier Montenegro é o investigador principal dun proxecto que prepara vectores peptídicos para o transporte de ARN mensaxeiro de potencial aplicación en vacinas; pola outra, o grupo que dirixe o profesor José Martínez Costas traballa dende abril no desenvolvemento dunha vacina fronte á COVID-19 en base a unha nova metodoloxía, desenvolta no propio centro e patentada pola USC, que permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo. Esta tecnoloxía está a dar moi bos resultados nos primeiros ensaios, tal e como explicou o investigador Tomás Pose, quen asistiu en representación do profesor Martínez Costas.
Desenvolver e avaliar en estudos preclínicos unha nova vacina baseada en ARNm contra o SARS-CoV2 capaz de inducir respostas inmunitarias de longa duración fronte ao virus é o fin último do proxecto de investigación no que traballa o laboratorio que lidera a catedrática da USC e investigadora no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), María José Alonso, e que tamén recibe fondos procedentes de Sumo Valor. O obxectivo é producir un vehículo sintético baseado en biomateriais inocuos e capaz de transportar o ARNm ao interior das células dianas, de modo que logre a produción do antíxeno no organismo humano. Este proxecto preséntase como unha alternativa prometedora fronte aos modelos convencionais debido ao seu gran potencial, rápido desenvolvemento e baixo custo de fabricación, ao tempo que garante unha administración segura.
Predición, cartografía e detección da pandemia
O catedrático de Electromagnetismo da USC Jorge Mira traballa con modelos de predición dinámica sobre escenarios de afectación por COVID-19 a curto e medio prazo. O obxectivo deste proxecto tamén financiado pola campaña de micromecenado da USC, é o de predicir a evolución da expansión e incidencia da enfermidade na procura das intervencións idóneas que permitan reducir a propagación do virus. Este equipo de investigadores xa logrou predicir a comezos de ano cando se ía producir o pico da primeira onda da pandemia e continúan a traballar nesta segunda vaga.
Pola súa parte, a cartografía de risco coordinada polo profesor Ángel Miramontes permitirá coñecer onde se localizan os principais focos de contaxio pola COVID-19, con que factores territoriais están relacionados e cales son os espazos de actuación chave para frear a súa propagación. Sumo valor toma tamén parte na elaboración deste mapa actualizable que permitirá realizar un diagnóstico sobre o comportamento espacial do contaxio.
Asemade, dous equipos da USC están a centrar os seus esforzos na vixilancia e detección do SARS-CoV-2 en augas residuais, o que resulta de utilidade como sistema de alerta e prevención. Son os liderados por Jesús Romalde e Juan Lema. O material xenético do SARS-CoV-2 pode ser detectado en augas residuais, o que indica que estas augas poden constituír un sistema de alerta temperá efectivo para a detección de posibles gromos, así como para a toma de decisións desde o punto de vista da saúde pública.
Xenética
A busca de determinantes xenéticos e biomarcadores xenómicos de risco que podan predispor a sufrir unha infección a causa do virus SARS-CoV-2 máis grave, ou que mesmo podan causar a morte en persoas aparentemente sen factores de risco asociado, é o principal obxectivo da investigación dirixida polo catedrático da USC Ángel Carracedo, quen tamén interveu no foro de Sumo Valor.
Microdoazóns
Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 a través de microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa.