Ciencias achega a súa oferta académica e de investigación a estudantes de secundaria cunhas xornadas de portas abertas

A Facultade de Ciencias do campus de Lugo amosa a súa oferta de títulos de grao, así como os servizos e laboratorios de investigación existentes no centro universitario aos preto de 100 estudantes de cuarto curso de ESO dos colexios San José, Divino Maestro e Maristas La Inmaculada que participan nas xornadas de portas abertas organizadas esta semana pola facultade luguesa.
O obxecto desta iniciativa é o de achegar a realidade universitaria, especialmente a relacionada cos títulos de grao en Enxeñaría en Procesos de Química Industrial e Nutrición Humana e Dietética, impartidos os dous na Facultade de Ciencias, así como sobre as diversas liñas de investigación nas que participan ou desenvolven os profesores e investigadores do centro, segundo indicou o decano, José Manuel Martínez Ageitos. Martínez Ageitos destacou a boa acollida deste tipo de iniciativas nos distintos centros educativos da capital luguesa, así como doutras localidades da provincia. Martínez Ageitos, salientou asemade que este tipo de encontros, nos que os alumnos/as son os protagonistas e poden desenvolver talleres e actividades prácticas nos laboratorios teñen logo unha incidencia positiva nas estatísticas de matrícula. O programa de actividades deseñado para estas visitas é flexible e adáptase ás preferencias manifestadas polos/as estudantes, precisou Martínez Ageitos. O decano da Facultade de Ciencias sinalou neste senso que aínda que o desenvolvemento de experimentos e actividades prácticas nos laboratorios ocupan a maior parte do tempo dos estudantes, as persoas que participan nestas visitas tamén teñen a oportunidade de coñecer as materias impartidas e os planos de estudo das titulacións, así cuestións relacionadas, como é o feito de que o grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industrias, é un dos primeiros títulos de grao en en enxeñaría da USC que vén de recibir o segundo de informe de avaliación favorable por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).