Ir o contido principal

Ciencias acollerá as segundas xornadas de spin-off universitarias no mes de marzo

O programa Uniemprende da Universidade de Santiago celebrará o próximo día 5 de marzo a segunda edición das Xornadas de Spin-off Universitarias, empresas que se constitúen a iniciativa dos membros da comunidade universitaria e que explotan os coñecementos e as tecnoloxías xeradas nos traballos de investigación realizados na propia universidade.
Estas xornadas terán lugar a partir das 11:00 horas do día 5 no Salón de Graos da Facultade de Ciencias. Darán comezo cunha exposición sobre a creación das empresas de base tecnolóxica en universidades. Roberto Graña Escalante, da coordinación do programa Empresa-Concepto, será o encargado de falar deste tema incidindo no apoio á creación de spin-offs na universidade e no programa que dirixe.
Continuará a intervención de Yolanda Falcón García, técnica de Unirisco Galicia, que falará do financiamento das spin-offs. Ás 12:30 horas, Juan Méndez Dónega, director da Aula de Produtos Lácteos, clausurará as xornadas falando das distintas experiencias de creación de empresas dende a Aula.
Estas xornadas están dirixidas a todas aquelas persoas interesadas, pero en especial a profesores, investigadores e persoal de terceiro ciclo. A convocatoria é aberta polo que non é necesario inscribirse.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.02.2008.