Ciencias Económicas aborda nunha xornada a relación entre discapacidade e vítimas da violencia de xénero en Galicia
Con motivo da celebración o 25 de novembro do Día internacional para a eliminación da violencia cara á Muller, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC organiza esta semana as xornadas ‘Discapacidade e Violencia de Xénero en Galicia’. A inauguración, que correrá a cargo dun representante da Obra Social Caixa Galicia e da decana do centro, Maite Cancelo, terá lugar o xoves 22 ás 9:00 horas no Salón de Graos.
As xornadas, a celebrar os días 22 e 23 deste mes, pretenden abordar a relación entre discapacidade e vítimas da violencia de xénero en Galicia dende unha perspectiva ampla e global, escoitando ao maior número de persoas ou entidades implicadas na consecución da erradicación desta problemática social. Para iso contarase coa presenza de expertos de prestixio e representativos das institucións públicas e privadas galegas e españolas máis involucradas nesta materia.
Patrocinado pola Obra Social Caixa Galicia, o encontro diríxese a todas aquelas persoas ou colectivos interesados nesta área e principalmente aos profesionais e asociacións que traballan con mulleres discapacitadas vítimas da violencia de xénero.