Ir o contido principal

Ciencias Económicas e Empresariais albergará a sede galega do Instituto Español de Analistas Financeiros

Ciencias Económicas e Empresariais albergará a sede galega do Instituto Español de Analistas Financeiros
Ciencias Económicas e Empresariais albergará a sede galega do Instituto Español de Analistas Financeiros
A USC asinou un convenio marco de colaboración co Instituto Español de Analistas Financeiros e a Fundación de Estudos Financeiros

O reitor da USC, Juan Manuel Viaño Rey, e o presidente do Instituto Español de Analistas Financeiros (IAEF) e da Fundación de Estudos Financeiros (FEF), Juan Carlos Ureta Domingo, asinaron este xoves en San Xerome un convenio marco que regulará as diversas colaboracións futuras destas entidades toda vez que a IAEF –asociación que agrupa os profesionais da análise financeira– abre hoxe a súa delegación territorial galega na Facultade compostelá de Ciencias Económicas e Empresariais. Na sinatura do acordo estaban tamén presentes a decana da Facultade, Emilia Vázquez Rozas, e o secretario xeral do IAEF, Javier Méndez LLera.

En virtude do acordo, polo que as tres entidades colaborarán na promoción e organización de actividades formativas conxuntas, a Universidade de Santiago xogará un papel importante na constitución e consolidación da delegación territorial de Galicia do Instituto, cuxa xunta directiva contará inicialmente con membros da USC.

Inauguración do IAEF-Galicia
Como inicio desta colaboración, que terá unha vixencia de dous anos prorrogables, Juan Carlos Ureta trasladarase ao remate do acto de sinatura á facultade para participar na presentación do IAEF-Galicia no que se dará a coñecer o estudo realizado pola FEF ‘Acabar con el paro. ¿Queremos? ¿Podremos?. Una propuesta analítica sobre la ocupación y el empleo en España’ dirixido por César Molinas e que pretende debater sobre o elevado desemprego estrutural e sobre o futuro da ocupación e o emprego en España.

Asistirán ademais a esta presentación a vicerreitora de Estudantes, Mª Dolores Álvarez; a decana da Facultade anfitrioa, Emilia Vázquez; e o director do Máster de Banca e Finanzas da USC, Luis Otero.

Para os autores do informe, a anomalía do mercado de traballo español reflectida nas elevadas cifras de paro obedece a razóns estruturais, “consecuencia das leis en vigor, de institucións legalmente constituídas e de prácticas disuasorias da creación de emprego establecidas desde hai décadas”. Apuntan ademais catro tendencias globais que están transformando os mercados de traballo de todo o mundo: o envellecemento demográfico, a globalización, a dixitalización e robotización, e a posibilidade de que a economía global teña entrado nunha fase de “estancamento secular”.

Os autores propoñen reducir o excesivo activismo xudicial estendendo a mediación que xa existe para os despedimentos colectivos aos individuais, entre outras medidas. Proponse tamén que os convenios colectivos queden liberados da servidume da cláusula erga omnes para o cal deberían pasar a ser extra-estatutarios á vez que racionalizar as modalidades de contratación e unificar a indemnización por despido entre todas elas. Respecto a este último punto apuntan que esta teña un carácter finalista e que se destine a financiar a formación e a busca de novo emprego.

Por último, consideran que as reformas no só deben facerse no mercado de traballo senón tamén no sistema educativo, para conseguir mellorar o capital humano e aumentar a flexibilidade e empregabilidade das persoas en contextos laborais “nos que haberá que cambiar de traballo con frecuencia ao longo da vida laboral e nos que terán desaparecido todas as ocupacións que non teñan algunha compoñente de creatividade”. Neste sentido, propóñense reformas para aumentar a competencia e a meritocracia no sistema educativo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.10.2015.