Ir o contido principal

Ciencias Económicas e Empresariais homenaxea o seu profesorado finado nos últimos anos

Memorial na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Foto: Santi Alvite
Memorial na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Foto: Santi Alvite
A comunidade universitaria únese no recoñecemento a Xosé L. Quiñoá, Fausto Dopico, Manuel Jordán, José A. Duro, Salomé Taboada e Luís Caramés
Santiago de Compostela

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolleu este mércores un acto de sentida homenaxe a seis integrantes do seu corpo docente que faleceron nos dous últimos anos. O reitor da USC, Antonio López, presidiu unha cerimonia que congregou a comunidade universitaria, familiares e amizades no recordo e tributo a Xosé L. Quiñoá López, Fausto Dopico Gutiérrez del Arroyo, Manuel Jordán Rodríguez, José A. Duro Vieiro, Salomé Taboada Mella e Luís Caramés Vieitez.

Na apertura do acto, o reitor dedicou palabras de agradecemento ás súas familias por accederen a tomar parte e recibir unha “mostra de cariño dos compañeiros, os amigos, e tamén de toda a institución a aqueles que xa non están connosco”.

A seguir, o decano da Facultade, Xoán R. Doldán García, agradeceu a participación de todas as persoas asistentes “nun acto de lembranza, con certeza pequeno e insuficiente para resumir en tan pouco tempo o significado verdadeiro que supoñen para todos nós as seis persoas homenaxeadas” e engadiu que ”continúan moi presentes, na memoria, nas conversas, en mil e un detalles dun rastro indeleble que non desaparece”.

Outros membros do profesorado da USC, como Isabel Méndez Naya, Pilar Freire Esparís, Edelmiro López Iglesias, Xaime Barreiro Gil, Luísa Muñoz Abeledo e Miguel A. Vázquez Taín, interviñeron para achegar notas biográficas e persoais dos seus compañeiros, que deron despois paso á entrega dunha pequeno agasallo conmemorativo ás familias por parte do decano.

O reitor rematou agradecendo ao equipo da facultade a organización deste memorial que permitiu “construír un acto de recoñecemento e de xustiza ante unha situación excepcional en circunstancias como as que se deron en apenas ano e medio”. Antonio López facía así alusión ao elevado número de decesos que afectaron ao profesorado do centro nunha época na que a pandemia imposibilitou, nos máis dos casos, a realización de actos públicos de homenaxe. Con esta cerimonia, a institución expresou o aprecio “por estas persoas que fixeron máis grande a nosa facultade, a nosa Universidade, e ás que imos seguir botando de menos”.

O concorrido acto, musicado polo Cuarteto Dickinson e desenvolvido na Aula A da facultade, contou tamén coa presenza de representantes doutras institucións e corpos, como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, o conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo López e o ex-presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.10.2021.