Ir o contido principal

Ciencias da Educación analiza os recursos educativos en lingua galega dispoñibles para a educación infantil

As xornadas inauguráronas Isabel García-Rodeja, Xesús Rodríguez e Lois Ferradás (á dereita)
As xornadas inauguráronas Isabel García-Rodeja, Xesús Rodríguez e Lois Ferradás (á dereita)

Deseñadas como un espazo de debate e reflexión ao redor dos recursos educativos dispoñibles en lingua galega nos diferentes niveis de ensino, particularmente na educación infantil, as I Xornadas ‘Os recursos educativos en galego’ comezaron este venres 19 na Facultade de Ciencias da Educaicón do Campus Norte. O encontro inaugurárono a secretaria xeral da USC, Isabel García-Rodeja, acompañada polo decano da Facultade, Lois Ferradás, e o presidente da Comisión de Normalización Lingüística do centro, Xesús Rodríguez.
O encontro permitirá ao alumnado da Facultade tomar conciencia da importancia que teñen os recursos educativos na práctica docente, así como coñecer de primeira man cales son os materiais didácticos neste idioma dos que poderá dispoñer no seu futuro profesional.
Os debates que se desenvolvan ofrecerán ademais unha análise de cal é a situación actual dos materiais didácticos en lingua galega no ensino, ofrecendo aos futuros profesionais estratexias e criterios que lles permitan a súa utilización e adaptación para atender ás diferentes necesidades do proceso de ensino-aprendizaxe.
A primeiras das intervencións do encontro pronunciouna Xosé Neira Vilas coa conferencia ‘Balbino nas escolas galegas’, para seguir cunha análise da situación e oferta dos recursos existentes na actualidade na educación infantil, da man do presidente da Asociación Galega de Editores, Alfonso García. Na xornada da tarde os participantes realizan unha visita á exposición organizada dentro das xornadas, continuando cun taller de animación á lectura en galego e outro de animación de música e danzas.
Para o sábado 20, derradeira sesión das xornadas a celebrar na sede da Faucltade de Ciencias da Educación no Campus Sur, o programa comezará ás 9:30 horas co relatorio de María Victoria Martíns ‘Os xogos como recurso didáctico na Educación Infantil’. A continuación os participantes coñeceran diversas experiencias respecto de temas como ‘ O ritmo da educación’, ‘A miña vida en papeis’ e ‘Xogamos coa Luz’. Pola tarde, dende ás 16:00 horas os asuntos que se abordarán referiranse aos recursos didácticos para a educación infantil na era da imaxe e do dixital e ás particularidades pedagóxicas dos contacontos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.12.2008.