Ciencias da Educación celebrou o seu patrono cun acto académico en Fonseca

A Facultade de Ciencias da Educación da USC volveu este venres ao Salón Nobre do Colexio de Fonseca para celebrar a conmemoración do seu patrón Frei Martín Sarmiento, lugar onde, como lembrou o decano do centro Lois Ferradás, “aínda soan as voces dos mestre que deron os primeiros pasos desta titulación na universidade compostelá”. O decano aludiu á xornada como unha celebración académica e festiva, “un día de satisfacción, pero sen perder a ollada do futuro” e sen esquecer que “a educación encerra un tesouro”, verbas que Ferradás toma do informe homónimo que Jacques Delors preparou para a Unesco. No acto, que presidiu o reitor Juan Casares, participaron ademais o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, que pronunciou a conferencia ‘A lectura no século XXI’, e os vicedecanos Elena Fernández Rey e Xesús Rodríguez. Bragado, ex alumno da facultade compostelán, agradeceu ademais a posibilidade de participar desta conmemoración lembrado a figura de Sarmiento como a dun adiantado da súa época. Logo da conferencia tivo lugar a entrega dos premios María Barbeito nas modalidades de Investigación Educativa e de Innovación Educativa, dos diplomas dos premios extraordinarios de diplomatura e licenciatura e dos premios á calidade lingüística. O acto rematou coa intervención da estudante de doutoramento Almudena Alonso Ferreiro e a entrega do recoñecemento ‘Sarmiento de Honra’ aos docentes María Teresa Prado e Agustín Requejo.