Ciencias da Educación conmemora a festividade do seu patrón Padre Sarmiento
A Facultade de Ciencias da Educación celebra este venres 11 a festividade do seu patrón, Padre Sarmiento, nunha sesión que vai presidir o vicerreitor de Estudantes e Formación Continua, Francisco Durán, a partir das 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. A sesión comezará coa conferencia do catedrático da Universidade de Salamanca Félix López Sánchez titulada ‘Necesidades na infancia e na adolescencia: resposta familiar, escolar e comunitaria’ e continuará coa entrega de diplomas aos graduados que obtiveron os premios Extraordinarios de Doutoramento, Licenciatura e Diplomatura de titulacións afíns a este centro compostelán. O acto proseguirá coa entre dos Premios á Calidade Lingüística concedidos aos estudantes do centro que presentaron os seus traballos académicos á convocatoria. Continuando coa sesión, procederase á entrega do Sarmiento de Honra á profesora Regina González e aos profesores Xulio Rodríguez e José R. Alberte en recoñecemento á súa traxectoria académica no eido das Ciencias da Educación.