Ciencias da Educación homenaxea ao profesor Xulio Rodríguez co gallo da súa xubilación
Profesor de Didáctica e Organización Escolar vinculado coa USC dende o ano 1973, Xulio Rodríguez López recibirá este xoves 10 a homenaxe da Facultade de Ciencias da Educación e do Departamento de Didáctica e Organización Escolar co gallo da súa recente xubilación. Será no transcurso dun acto académico de honra que comezará ás 19.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca para realizar un percorrido pola súa traxectoria persoal e profesional e no que está prevista a participación de dous fillos do homenaxeado, fundadores e membros do grupo A Quenlla. Xulio Rodríguez licenciouse en Filosofía e Letras, Sección de Pedagoxía, na Universidade Pontificia de Salamanca e diplomouse posteriormente en Psicoloxía pola mesma universidade e pola Complutense de Madrid en 1972. Máis tarde, en 1997, acada o título de doutor en Pedagoxía pola USC, institución á que xa estaba vinculado dende o ano 1973. Na institución académica compostelá foi subdirector da Escola de Maxisterio, vicerreitor de Organización Académica e Titulacións; e vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación con Miguel Zabalza, Felipe Trillo e co actual decano Lois Ferradás. A súa traxectoria na institución compostelá comeza como profesor interino de Psicosocioloxía, para continuar despois como profesor Adxunto Interino de Didáctica e Prácticas Escolares, profesor Encargado de Cátedra de Didáctica Xeral e como profesor Titular de Escola Universitaria, con encargo de Cátedra. Dende outubro de 1997 é catedrático de Escola Universitaria.