Ir o contido principal

Ciencias da Educación mostra ‘Os xoguetes da nosa infancia’

É unha iniciativa de alumnado da materia de Deseño e Avaliación de Materiais Didácticos que propón unha reflexión sobre o carácter pedagóxico dos xoguetes

A Sala de Xuntas da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte vaise converter durante a vindeira semana nun escaparate sobre ‘Os xoguetes da nosa infancia’, unha iniciativa que coordina o alumnado da materia de Deseño e Avaliación de Materiais Didácticos dos estudos de Educación Infantil. Nesta exposición o alumnado amosa os xoguetes que empregaron na súa infancia acompañados dalgunhas reflexións de carácter pedagóxico sobre o seu valor na formación persoal, social e cultural. Quen se achegue á exposición atopará un abano de xoguetes que abarcan un espazo temporal amplo, con propostas de tempos recentes convivindo con xogos tradicionais. Cada un dos obxectos expostos acompáñase dunha ficha na que se identifica a peza en cuestión pola súa procedencia xeográfica, modalidade de uso ou rango de idade no que se utilizou. A mostra pódese visitar ata o xoves, cun horario que se estende de 11.00 a 12.30 e de 15.30 a 17.30 horas, o luns 23; de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 o martes 24; e de 12.00 a 14.00 o mércores 25 e o xoves 26.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2012.