Ciencias da Educación profunda nas dinámicas que configuran as relacións entre homes e mulleres dende unha perspectiva global e transversal da educación
A importancia básica e o poder fundamental das relacións de xénero en calquera estrutura e organización social coñecida é o punto de partida das IV Xornadas de Formación ‘Educación, Xénero e Igualdade’ que organiza o Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) e o grupo Socioloxía do Xénero FES este mércores 15 e os días 17, 23 e 24. As xornadas acubillarán ademais o I Seminario ‘Visibilización e achega das mulleres á ciencia’.
A inauguración das xornadas celebrarase este mércores 15 a partir das 16:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur presidido pola vicerreitora de Calidade e Planificación, Dolores Álvarez Pérez, que estará acompañada polo decano do centro, Lois Ferradas; as directoras da xornada Rita Radl Philipp e Ana Mª Porto Castro; e a concelleira de Asuntos Sociais e da Muller do Concello de Santiago, Mar Martín.
Igualdade de xénero e coeducación será o tema da primeira das conferencias do programa, impartida por Marina Subirats Martori, para deseguido proceder á inauguración da exposición ‘As mulleres científicas na Historia’. Este primeiro día das xornadas rematará coa celebración dun video-forum dedicado ás novas tecnoloxías da información e as imaxes en función do xénero e que moderará o profesor Jorge García. A próxima xornada do programa será o venres 17.
Educación, xénero e igualdadeTrátase dun ámbito, apuntan as promotoras da iniciativa as profesoras Rita Radl e Ana Porto, cunha especial significación para os procesos específicos de socialización e educación humana. “Faise necesario –sinalan- un coñecemento en profundidade, por parte dos profesionais dedicados á educación, dos mecanismos de produción e reprodución social que interveñen nas relacións de xénero que vai máis alá dun simple coñecemento particularizado”.
As xornadas fixarán a súa atención na análise pormenorizada das dinámicas que configuran as relacións entre homes e mulleres dende unha perspectiva global e transversal da educación. Os profesionais do campo educativo, subliñan as promotoras do encontro, “poden axilizar, promover ou impedir mediante as súas actuacións concretas os procesos lentos que están dando lugar a cambios e transformacións cara unhas condicións máis igualitarias nas relacións entre nenos e nenas, mozos e varóns e mulleres”.
Nos últimos 30 anos, sinala Rita Radl, configurouse un campo específico de coñecementos sobre “o complexo entramado dos elementos estruturais, ideolóxicos e sociais” nos que se asentan as relacións de xénero actuais nas diversas disciplinas científicas referidas ao coñecemento social.
Os estudos de xénero na USCNa USC existe unha considerable formación académica e profesional específica, dirixida aos profesionais vinculados ao ámbito da educación e a formación social humana nun sentido amplo, tanto no ámbito do grao como do posgrao a través do POP Educación, Xénero e Igualdade, primeiro adscrito á Facultade de Ciencias da Educación e en cuxo marco se desenvolven as xornadas.
A de Santiago foi, hai preto de quince anos, a primeira das universidades galegas que introduciu unha materia sobre identidade de xénero e educación, promovida e impartida polos profesores pertencentes hoxe en día ao CIFEX, único centro de investigación destas características no seu contexto sociocultural.