Ir o contido principal

As ciencias teóricas, máis preto de nós do que imaxinamos

Novos combustibles, enerxías alternativas, contaminación atmosférica, enfermidades ou fármacos trátanse no Congreso da WATOC

Fronte á crenza de que as ciencias teóricas e a investigación básica non teñen influencia nas nosas vidas, os máis de 1.300 participantes no IX Congreso Mundial de Química Teórica e Modelización Computacional (WATOC 2011) que se está desenvolvendo en Santiago están demostrando o contrario. Novos combustibles, enerxías alternativas, contaminación atmosférica, enfermidades, fármacos ou os novos avances tecnolóxicos son cuestións de interese para os químicos teóricos, que dispoñen das ferramentas para estudar e modelizar problemas relacionados co almacenamento de hidróxeno, a captura de CO2 atmosférico, separación de gases combustibles, simulación de procesos atmosféricos, construción de máquinas moleculares, deseño de materiais funcionais ou o estudo de axentes que inflúen sobre a enfermidade de Alzheimer. De feito, unha das maiores problemáticas relacionadas coa utilización de hidróxeno como combustible alternativo é o seu almacenamento, transporte e posterior recuperación, cuestión que foi tratada este mércores por varios relatores durante a sesión sobre materiais porosos para almacenamento químico de gases como o profesor Richard Wong, da Universidade de Singapur. Debateuse tamén sobre modelización de compostos e reaccións químicas, imprescindibles para comprender procesos que van desde os que acontecen na atmosfera -como os ciclos de formación e destrución de contaminantes- ou no espazo inter-planetario (do que falaron Joseph Francisco, da Universidade de Purdue; Einar Uggerud, de Oslo; e Antonio Largo, da Universidade de Valladolid), en celdas de combustible ou no noso propio interior, durante procesos de reparación de ADN, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.07.2011.