O científico sueco Lennart Levi gaña o XVIII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

O presidente do Grupo Compostela de Universidades (CGU), Maurits van Rooijen, anunciou este luns a decisión de outorgar o XVIII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia ao científico sueco experto en medicina psicosocial Lennart Levi. A cerimonia de entrega terá lugar o próximo 26 de setembro durante a XX Asemblea Xeral do Grupo na Universidade Adam Mickiewicz en Posnania (Polonia). Os organizadores recoñecen en Levi a súa promoción dos valores europeos cunha carreira comprometida coa mellora do benestar físico, mental e social de poboacións enteiras. O xurado premia ademais a súa perspectiva interdisciplinaria (integrando achegas dende a medicina, a economía, a psicoloxía, a socioloxía ou a educación), o seu extraordinario activismo social e o seu interese por tender pontes entre a ciencia e a política. De feito, no acto desta mañá o propio Levi sinalou a importancia de empregar perspectivas sistémicas en intervencións preventivas e de fomento baseadas na colaboración entre científicos, políticos e administradores. Para o profesor sueco o fundamental son “os determinantes sociais –desemprego, falla de vivenda...– que inflúen directamente sobre a saúde”. Trátase, explicou, de buscar as “causas detrás das causas” ata atopar a orixe da enfermidade. Lennart Levi Profesor emérito de Medicina Psicosocial, Levi foi o primeiro profesor da disciplina no Instituto Karolinska en Estocolmo (Suecia) en 1978, institución na que fundou e liderou o Departamento de Investigación sobre o Estres, que en 1973 sería designado o primeiro centro dedicado á disciplina pola Organización Mundial da Saúde (OMS). En 1980 tamén fundou e dirixiu o Instituto Nacional Sueco para Factores Psicosociais e Saúde. Entre 1982 e 2005 presidiu a Sección de Psiquiatría Ocupacional da Asociación Mundial de Psiquiatría e dende 2001 a Asociación Internacional para o Tratamento do Estrés. Antes do seu retiro en 1995 foi asesor da OMS, da Organización Internacional do Traballo e da Comisión Europea neste campo. Durante o período 2006-2010 Levi foi membro do Parlamento sueco e voceiro para asuntos de Saúde Pública e Ocupacional do Partido do Centro. Na actualidade, a Universidade de Santiago conta co grupo de investigación ‘Laboratorio de estres e inmunoloxía Lennart Levi’, co que colabora o científico. Neste senso, resultou particularmente destacable o seu grande apoio ao Grupo Compostela coa organización da Conferencia sobre Estrés, Saúde e Economía celebrada na USC no mes de xullo do ano pasado. O éxito desta ocasión levou á formulación dos Diálogos de Compostela sobre Educación Superior. Os ‘Compostela Dialogues on Higher Education’ Xunto co presidente do Grupo, na rolda de prensa participaron o reitor da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Comité Executivo do CGU, Juan Viaño, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o propio premiado, Lennart Levi, que anunciou que os 6.000 euros do galardón os doará a Médicos Sen Fronteiras. Levi aproveitou a súa comparecencia para presentar os ‘Compostela Dialogues’, unha iniciativa concibida por el en estreita colaboración co CGU que reunirá periodicamente en diferentes puntos do planeta conferenciantes de alto nivel para tratar de forma monográfica temas intersectoriais relevantes para as institucións de educación superior. A súa primeira edición, que terá lugar no marco da próxima asemblea xeral do Grupo, centrarase na importancia de transmitir valores na educación universitaria, en harmonía co coñecemento e as habilidades que os graduados deben ter para contribuír positivamente ao benestar social e ao progreso. O premio Dende a súa creación en 1997 o premio recoñeceu a personalidades e institucións que tiveran un papel relevante no desenvolvemento dos valores vinculados ao patrimonio cultural do Camiño de Santiago. Nas últimas tres edicións recaeu na canle de noticias Euronews (2013), no Colexio de Europa (2012) e na vicepresidenta da Comisión Europea e comisaria para a Axenda Dixital, Neelie Kroes (2011). Outros premiados foron Mohamed ElBaradei, Amin Maalouf, Canal Arte, Manuel Castells, Miquel Siguán, Manuel Ceciclio Díaz y Díaz, Álvaro Siza, Carla del Ponte, Cees Nooteboom, Vaclav Havel ou Jacques Santer.
O xurado desta edición estivo presidido por Anxo Manuel Lorenzo Suárez e composto ademais por Maurits van Rooijen; o anterior reitor da USC, Juan Casares Long; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; a directora da International School of Law and Business (Lituania), Daiva Daugvilienė; o reitor da University of Chemical Technology and Metallurgy (Bulgaria), Mitko Georgiev; e a secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, Isabel Lirola Delgado.
O profesor Levi asinou no Libro de Honra da USC (Foto: Santi Alvite) O presidente do Grupo Compostela de Universidades, Maurits van Rooijen, (á deeita) foi o encargado de anunciar o premiado (Foto: Santi Alvite)