Un dos científicos máis influentes no eido biomédico mundial visita Santiago esta semana
O profesor Inder Verma, editor xefe dunha das revistas científicas máis importante do mundo, PNAS (Proceedings of the National Academy of Sciences), visita esta semana Santiago para participar en varios encontros científicos con persoal investigador galego co fin de intercambiar impresións e procurar colaboracións científicas e ofrecer ademais dúas charlas. Inder Verma é unha autoridade mundial na terapia xénica e celular, na xenética do cancro e a inflamación. A visita está organizada polo Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC ( CIMUS ), o CHUS e o IDIS en colaboración coas Redes de Investigación en Células Nai e Terapia Celular (REDICeNT) e RETICS-INVICTUS do Instituto de Saúde Carlos III. As conferencias públicas serán o xoves 12 ás 13.00 horas no CHUS –titulada ‘Terapia xénica: medicina do século XXI’– e o venres 13 á mesma hora no CIMUS (Campus Vida) co lema ‘Glioblastoma: reprogramación, desdiferenciación e transdiferenciación’. Esta segunda charla está incluída no programa de conferencias ‘Frontiers in Science’ dos centros singulares da USC (CIMUS, CIQUS e CITIUS) financiado neste caso polo Ministerio de Economía e Competitividade e pola Consellaría de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria. Inder Verma Verma recibiu a prestixiosa cátedra Irwin & Jacobs na área de ciencias da vida, ademais de ocupar a de Bioloxía Molecular da Sociedade Americana do Cancro e exercer como xefe do Laboratorio de Xenética do The Salk Institute, La Jolla, California, un dos máis relevantes do mundo na súa área. No campo da terapia xénica e celular, o profesor Verma deseñou e patentou vectores virais singulares para a xeración de células nai pluripotentes inducidas (iPS) para terapias celulais ou o estudo de enfermidades. Ademais, a través desta terapia tenta corrixir as variantes xenéticas que causan certas doenzas. Por outra banda, o seu laboratorio foi pioneiro en demostrar a efectividade da supresión da expresión de xenes inflamatorios para reducir a progresión do cancro de pulmón en modelos animais da enfermidade. Así mesmo, demostrou a implicación da inflamación no Alzhéimer e na diabete.
Xa no referido á xenética do cancro, usando vectores virais Verma xerou modelos únicos de enfermidade en ratos, concretamente para o glioblastoma humano multiforme (GBM), o cancro de pulmón e o cancro de próstata. Estes modelos son os máis empregados hoxe na procura de fármacos nesas enfermidades. Ademais, neste eido de investigación o profesor Verma foi pioneiro na descrición do xene supresor BRCA1 na evolución desta enfermidade.