O CiMUS acolle a mostra ‘Investigadoras contra o cancro’

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) acolle a mostra ‘Investigadoras contra o cancro’, proposta da Asociación Española contra o Cancro (AECC) coa que se busca poñer en valor o traballo das mulleres no ámbito científico e particularmente na investigación oncolóxica.
Composta por un total de dez paneis, móstranse as achegas de nove científicas adxudicatarias de Axudas AECC á Investigación que desenvolven o seu labor en distintos de investigación, con especial atención aos de Galicia. Tres destas científicas son Marta Varela Rey, Emma Ramos Docampo e Beatriz Rodríguez Lemus do CiMUS, dedicadas á busca de novas dianas ou vías de diagnose e terapias contra este enfermidade que rexistrou 19.400 casos en Galicia durante o pasado ano.
Grupos do CiMUS beneficiados
O CiMUS mantén un vínculo destacado e continuado coa AECC a través de múltiples proxectos financiados a través das convocatorias da asociación. Nos últimos catro anos, a AECC destinou a estudos de doce grupos de investigación deste centro máis de dous millóns de euros, máis da metade só no último ano.
Segundo datos dun informe sobre o estado da investigación en cancro en Galicia realizado por AECC, o CiMUS sitúase como o principal centro de investigación na comunidade en atracción de financiamento competitivo, cun total de 51 proxectos obtidos nos últimos anos. Ademais do seu labor investigador, o CiMUS colabora igualmente coa Asociación en iniciativas de divulgación e concienciación.