O CiMUS, comprometido co impacto da xenética na saúde e a medicina personalizada

Dende o ano 2003, cada 25 de abril conmemórase o Día Mundial do ADN para celebrar un dos fitos máis importantes da ciencia, como foi o descubrimento da estrutura en dobre hélice do Ácido Desoxirribonucleico (ADN). O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC quere sumarse aos actos de conmemoración deste transcendental achado cunha sesión científica ese mesmo día que abarca unha conferencia do investigador principal deste Centro Singular e recoñecido xenetista, Ángel Carracedo, e unha mesa de debate posterior con destacado persoal investigador.
Con este evento, no que se fará un percorrido polos principais avances en xenómica, o CiMUS quere reafirmar así o seu compromiso coa investigación de excelencia e a divulgación científica, convidando a toda a comunidade universitaria e a sociedade en xeral a reflexionar sobre o impacto da xenética nas nosas vidas.
Deste xeito, o Theatre Room do CiMUS acollerá a partir das 11:00 horas a conferencia ‘Do Proxecto Xenoma Humano ao Proxecto Xenoma Galicia’ na que Carracedo abordará a evolución desde os primeiros mapas xenéticos globais ata as iniciativas actuais para o estudo do xenoma da poboación galega, con implicacións directas para a saúde e a medicina personalizada.
Xenoma Galicia, referente internacional
Hoxe a xenómica é a base da medicina personalizada e ten como campos principais de aplicación as enfermidades xenéticas (que son a gran maioría das enfermidades raras), a mutación somática no cancro e o cancro hereditario, a farmacoxenética e o diagnóstico prenatal (mediante a análise de ADN fetal en sangue materna). “Pero a maior contribución da xenética á enfermidade non está nas mutacións senón na variación común que pode ser capturada con estudos de asociación que se chaman GWAS con arrays de alta densidade, e de todo iso falaremos nesta xornada divulgativa”, explica Carracedo.
Tras a conferencia, terá lugar unha mesa redonda na que estará acompañado polos investigadores do CiMUS José Tubío, Miguel González Blanco e Ricardo Villa-Bellosta, este último moderador do debate e coordinador do evento.
Sobre CiMUS
O CiMUS, que vén de obter a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, forma parte da rede de centros de investigación cun novo modelo de organización e funcionamento, que constitúe o elemento fundamental da estratexia de I+D do proxecto CAMPUS VIDA (Campus de Excelencia Internacional, MEC-MICINN, 2009). A misión do CiMUS consiste en realizar unha investigación básica de calidade contrastada, co obxectivo de conseguir avances na prevención, entendemento e tratamento das enfermidades crónicas de alto impacto na sociedade.