Ir o contido principal

Máis de cincuenta persoas participarán este mércores no Maratón Fotográfico do Campus de Lugo

Os traballos pódense presentar ata as 15:00 horas do xoves

A décimosexta edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo desenvolverase este mércores 24 coa participación de cincuenta e catro persoas, unha cifra que bate o récord deste certame organizado por Lugo Cultural.
Os participantes coñecerán os temas sobre os que deben tratar os seus traballos ás 11:00 horas do mércores no atrio da Catedral, onde tamén lles serán entregados os carretes ou CD’s precisos, segundo se presenten en modalidade analóxica ou dixital. A organización establecerá dous temas comúns para as dúas categorías, e no caso da modalidade analóxica haberá tamén un apartado para o tema libre. As persoas que non poidan recoller o material a esa hora poderán facelo ata as 15:00 horas na Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación, onde posteriormente se entregarán todos os traballos antes das 15:00 horas do xoves 25.
As fotografías presentadas optan a varios premios, como o ‘Carlos Valcárcel’, dotado con 236 euros, e que se concederá á mellor imaxe presentada por calquera persoa que asistise a algún dos cursos de formación fotográfica programados pola Vicerreitoría de Cultura nalgunha das súas convocatorias.
Así mesmo, haberá un premio de 120 euros para a mellor fotografía de cada tema, modalidade analóxica e dixital; outros 120 euros para a mellor fotografía de tema libre, dentro da modalidade analóxica: e 206 euros para a película de nivel medio máis alto. Os requisitos para acadar este premio baséanse na exposición correcta das vinte fotos, na variedade dentro dos temas propostos e na creatividade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.03.2010.