Cincuenta rapaces galegos comezan a estimular o seu talento matemático na USC
O proxecto Estalmat-Galicia, de estímulo do talento matemático entre rapaces de 12 e 13 anos, iniciou este sábado 20 as súas actividades para o curso 2008-2009 nun acto presidido polo reitor da USC, Senén Barro, e ao que tamén asistiron o presidente da Fundación Vodafone-España, José Luis Ripoll; o decano da Facultade de Matemáticas da USC Estalmat-Galicia, Juan Viaño; e a vicepresidenta do Comité Organizador, Mercedes Feijoo.
Ao acto asistiron os 50 alumnos de Estalmat-Galicia, todos eles integrantes dos grupos de 1º e 2º ano do proxecto, acompañados das súas familias chegadas de todas partes da comunidade galega. Na Aula magna da Facultade de Matemáticas, os alumnos foron animados tanto polos organizadores como polos patrocinadores a “divertirse aprendendo”, ao tempo que lles lembraron que ter talento matemático supón unha “vantaxe competitiva” que lles situará “nos primeiros postos” do mercado de traballo. Na mesma liña falou o reitor, para quen o talento debe ir ineludiblemente acompañado de actitude. “Así triunfaredes e chegaredes a onde vos propoñades”, advertiulles.
Para rematar a xornada, o grupo dirixiuse a Abegondo-Sada para participar nun campamento matemático durante a fin de semana que supón unha primeira toma de contacto entre os alumnos seleccionados nun ambiente lúdico. Esta será a primeira das actividades á que lle seguirán 23 sábados máis nos que os estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático seguindo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que dende 1998 se desenvolve en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Andalucía, Canarias e Valencia.
Non se trata de adiantar aos alumnos en contidos matemáticos do seu currículo escolar senón desenvolver aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia.
Selección de alumnosOs vinte e cinco que se inician no proxecto este ano seleccionáronse nunha proba realizada o pasado mes de maio á que estaban convocados alumnos de todos os centros de educación, tanto privados como públicos e dos niveis de ensinanza primaria e secundaria.
Un total de 212 rapaces de toda a comunidade autónoma, nacidos entre 1995 e 1996, participaron nas probas celebradas na Facultade de Matemáticas. Por provincias, 105 procedían da Coruña, 19 de Lugo, 17 de Ourense e 71 de Pontevedra. Finalmente, dos alumnos que accederon ao programa de 2008, 13 son da provincia coruñesa, 2 de Lugo, 1 de Ourense e 9 de Pontevedra.
O proxecto EstalmatO Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e conta co apoio financeiro da Fundación Vodafone-España, do Proxecto Ingenio-Mathematica do Programa Consolider e do CSIC. O Proxecto ESTALMAT-Galicia, aprobado pola Real Academia o pasado 18 de abril e pilotado pola Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de participar destas axudas, conta cun financiamento específico de institucións galegas como a Obra Social Caixa Galicia e a Deputación da Coruña. Polo volume da súa achega destaca o patrocinio da Fundación Vodafone-España, institución autónoma sen ánimo de lucro dedicada á investigación e ao desenvolvemento no ámbito das comunicacións móbiles e promovendo as aplicacións das TIC co fin de mellorar as condiciones de vida e de integración de grupos sociais diversos.