Ir o contido principal

CINDA presenta en México o Segundo Informe sobre Educación Superior en Iberoamérica

A Universidade de Santiago tivo un papel moi destacado na elaboración deste documento

Comparar o desenvolvemento científico-tecnolóxico en Iberoamérica e Europa na última década para así deseñar futuras políticas que aceleren os avances é o principal cometido do Informe 2010 Educación Superior en Iberoamérica que hoxe se presentou en Guadalajara (México) no transcurso da xunta extraordinaria do Centro Interuniversitario de Desarrollo Académico (CINDA), responsable do estudo.
Este segundo informe, que contou cun comité directivo formado por seis persoas entre as que figura o reitor Senén Barro, vén precedido doutro de 2007 no que se presentaba un panorama global do sector. Empregando ese primeiro estudo, CINDA, en colaboración coa Rede Iberoamericana de Universidades de Universia, analiza agora en maior detalle os cambios máis notables na investigación científica e tecnolóxica en Iberoamérica máis recente e o rol das Universidades neses desenvolvementos.
O informe, dende a USCO informe, de máis de 200 páxinas, comeza cun traballo moi detallado sobre o desenvolvemento científico-tecnolóxico en Iberoamérica na década 1998-2007 para continuar con outro semellante desde a perspectiva europea, este segundo realizado dende a Universidade de Santiago por un equipo encabezado polo reitor Senén Barro e formado ademais por Javier Sardina e Sonia Martínez.
Eles mesmos son tamén os autores do informe nacional sobre o caso español, que se suma aos outros 21 traballos de países iberoamericanos que aparecen no estudo e que servirán para logo establecer as oportunas conclusións. Inclúese ademais outro documento sobre as comunidades científicas pequenas da autoría do experto costarricense Gabril Macaya.
CINDACINDA é unha institución académica internacional formada por importantes universidades de América Latina e Europa cuxo propósito fundamental é a realización de estudos, a cooperación entre as universidades membros e a activa promoción de innovacións institucionais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2010.