O CiQUS da USC acolle a bienal sobre biomateriais e aplicacións ‘bioMAPP17’, punto de encontro para científicos novos
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago (CiQUS-USC) organiza a II Edición do Obradoiro en Biomateriais e Aplicacións ‘biomAPP17’, un encontro dirixido a mozos investigadores que se celebrará no centro os días 27 e 28 de abril.
O principal obxectivo de bioMAPP17 é proporcionar a estudantes en etapas avanzadas de doutoramento ou recentemente acreditados como postdocs unha excelente oportunidade para presentar a súa investigación e adquirir experiencia en conferencias académicas, cara ao traballo en rede e o intercambio de ideas.
“Polo xeral, os investigadores novos non teñen moitas oportunidades de presentar as súas investigacións en congresos e obradoiros a través dunha comunicación oral, xa que estas adoitan estar reservadas a xente con máis experiencia”, afirma o investigador postdoutoral do CiQUS Pablo del Pino, membro do Comité organizador. “Cremos que estas xornadas son fundamentais na súa formación, porque lles dan a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos”.
Tras a súa primeira edición no País Vasco –organizada polo CIC biomaGUNE-, este encontro mantén a súa aposta por facilitar a doutorandos e novos investigadores a posibilidade de defender os seus proxectos e a asistencia a conferencias a cargo de relatores de primeiro nivel como o profesor da USC e director do CiQUS, José Luis Mascareñas, ou os investigadores Jesús Ruiz Cabello, do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III-CNIC, e Miguel A. Correa, da Universidade de Vigo.
Entre as áreas de especialización propostas nesta nova edición cómpre salientar os Materiais Biofuncionais, as Biosuperficies, a Imaxe Molecular, a Terapia e o Diagnóstico ou Detección e Catálise.
Coa celebración deste workshop os organizadores non só esperan impulsar o intercambio de coñecemento, senón tamén a interacción con investigadores doutros centros e a posibilidade de que se establezan colaboracións internacionais. “O noso obxectivo é contribuír a que os asistentes establezan contacto, procuren sinerxías con outros colegas que non necesariamente traballen no seu mesmo campo e, sobre todo, que acaden experiencia na comunicación científica e divulgación dos seus resultados”, conclúe Del Pino.