O CIQUS da USC participa nun consorcio europeo para desenvolver dispositivos electrónicos nanométricos

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) participa, xunto co Centro de Física de Materiais do CSIC (CFM CSIC-UPV/EHU) en colaboración co Donostia International Physics Center (DIPC), como única representación española nun consorcio europeo que desenvolverá dispositivos electrónicos planos de escala atómica e molecular. Para conseguir a miniaturización extrema dos equipos empregados nas tecnoloxías da información e da comunicación, os equipos de investigación que traballan no proxecto esperan desenvolver métodos que permitan construír dispositivos moleculares directamente sobre superficies illantes ou semiconductoras, e conectalos mediante nanocables co mundo macroscópico. Ademais dos españois, o proxecto involucra outros seis socios europeos como son CNRS (Francia), IBM (Suiza), Aalto University (Finlandia), TUD University Dresden e JGU University Mainz (Alemaña) e Jagiello University (Polonia). Todos eles conforman un consorcio no que traballan grupos de química sintética, ciencia de superficies e física teórica. Os químicos sintéticos –p recisamente a eles pertence o equipo da USC que participa, o COMMO, co profesor Diego Peña Gil como responsable– prepararán as diferentes compoñentes moleculares, mentres que os investigadores de superficies abordarán a súa ensamblaxe e estudo de propiedades e os físicos teóricos –como o grupo do CSIC-DIPC, que coordina o profesor Daniel Sánchez Portal– explicarán o comportamento do dispositivo final e proporán cambios nas compoñentes moleculares orixinais.
O proxecto ‘PAMS: Dispositivos electrónicos planos de escala atómica e molecular’, incluído no VII Programa Marco de investigación da Unión Europea, está financiado con 6,6 millóns de euros para os próximos catro anos. Recentemente celebrou na cidade francesa de Toulouse a súa reunión inaugural. O coordinador do proxecto é o profesor André Gourdon, do CNRS.
Imaxe dunha molécula semellante á que prepara o grupo da USC para o proxecto Imaxe dunha molécula semellante á que prepara o grupo da USC para o proxecto


