O CISPAC profunda no estudo interdisciplinario da paisaxe dende a “lóxica da sustentabilidade”

O primeiro encontro do persoal investigador do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) serviu de marco de benvida para preto dun cento de investigadores e investigadoras que pasan a integrar este centro no que abordarán o estudo da paisaxe dende unha perspectiva interdisciplinaria. A vontade desta xuntanza é que estes 52 investigadores sénior e 21 júnior, procedentes das tres universidades galegas, “fagan seu o CISPAC”, tal e como afirmou o director científico do centro, o catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto, co obxectivo de traballar “na lóxica da sustentabilidade”, engadiu.
Dar respostas aos retos contemporáneos dende ámbitos de investigación diversos como a Historia, a Historia da Arte, a Xeografía, a Arqueoloxía, a Economía, a Socioloxía e outras areas de ciencias experimentais e tecnolóxicas enxergadas na axenda científica é a meta que persegue o CISPAC. O persoal investigador deste centro de nova xeración, estrutúrase arredor de cinco campos de estudo sobre as Paisaxes: Paisaxes que teñen xente, Paisaxes que producen, Paisaxes que se gobernan, Paisaxes que teñen patrimonio e Paisaxes visitadas.
A xornada constou dunha visita guiada polas instalacións do centro para, a continuación, acoller a presentación do seu Plan estratéxico e axenda científica, así como o plan de acción para este ano 2022. A quenda de mañá rematou co acto institucional no que participaron o reitor da USC, Antonio López; o reitor da UDC, Julio Abalde; a xerenta da UVigo, Raquel Souto; e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez. Xa en quenda de tarde, desenvólvense as primeiras sesións de traballo dos cinco campos de coñecemento que estruturan a axenda científica.
A incorporación do persoal investigador serve de punto de partida para o inicio da actividade investigadora deste centro interuniversitario, co obxectivo de emerxer como unha referencia internacional no ámbito das ciencias sociais e humanidades. Deste xeito, “converterémonos nun espazo de referencia a nivel internacional”, engadiu o director científico do CISPAC. Outra das ambicións do centro é conformar unha estrutura de investigación que posibilite a coprodución de coñecemento con actores galegos e internacionais, así como ser un instrumento de apoio das administracións no deseño de estratexias e políticas en materia de desenvolvemento, demografía, agroecoloxía, sustentabilidade, montes comunais, turismo e patrimonio.