O CITT do Campus de Lugo xestionou máis de 280 actividades e sete millóns de euros en 2009
Axudar aos investigadores da USC a manexar a información sobre convocatorias e axudas públicas, promover a cooperación entre a universidade e as empresas, así como canalizar as demandas externas e os traballos científicos e técnicos desenvolvidos nos departamentos universitarios son as principais funcións que día a día desenvolven os técnicos do Centro de Innovación e Transferencia Tecnolóxica (CITT) do Edificio CACTUS do Campus de Lugo.
Ao longo de 2009 o persoal do CITT xestionou un total de 284 actividades, correspondentes a 3 proxectos comunitarios, 25 accións do Plan Nacional, 40 actuacións financiadas pola Xunta e 216 contratos, convenios, informes técnicos e cursos con empresas e institucións. Este conxunto de actividades supuxo que os fondos acadados polos investigadores do campus lugués superasen os 7.300.000 euros, unha cantidade que multiplica por catro á do primeiro ano de funcionamento da oficina en Lugo. Este aumento nas accións xestionadas vai claramente parello ao volume investigador do campus lugués, onde os equipos se senten agora máis apoiados e orientados.
O CITT, creado hai quince anos co obxecto de facilitar todas as tarefas relacionadas coa investigación, conta co respaldo económico da USC, a Caixa Rural Galega, a Deputación Provincial de Lugo e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), que acordaron renovar este convenio de colaboración ata o verán de 2011.
PatentesO labor investigador desenvolvido no Campus de Lugo non deixa de medrar. Paulatinamente aumenta o número de empresas que demandan os servizos dos grupos de investigación, máis de vinte o ano pasado. Ademais, en 2008 os equipos do campus crearon cinco novos inventos e en 2009 presentaron sete patentes ante a Oficina Española, que aínda están pendentes de concesión.
Entre as patentes rexistradas no campus lugués salientan inventos tan destacados como o procedemento para obter un aceite combustible a partires das augas residuais das industrias de tratado de produtos mariños, ou o que permite obter fertilizantes dos lodos dos sistemas de augas residuais. A meirande parte destas son propiedade dos investigadores que as xeraron, aínda que algunhas pertencen á propia institución ou ben ás empresas que financian os estudos. De calquera xeito, a súa concesión contribúe en grande medida á proxección da USC no ámbito investigador internacional.
As orixes do CITTA finais dos anos 80, a USC creou no Campus de Santiago o Centro de Transferencia Tecnolóxica (CTT), apoiándose no Plan Nacional de Investigación que contemplaba a creación de Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigacións. Tratábase dunha vía importante que xa había noutros países pero que en España non existía, e que permitía ás universidades e organismos públicos que os resultados das súas investigacións chegasen á sociedade.
No ano 1995, o Campus de Lugo demanda un servizo de transferencia tecnolóxica máis próximo. E é así como nace o CITT, que transfire os resultados das investigacións á sociedade á vez que fomenta a introdución de produtos ou servizos no mercado. Nese momento, a USC contactou con diversos axentes sociais, a Deputación Provincial, a Caixa Rural Galega, a Cámara de Comercio e a CEL, coas que se estableceu o convenio de colaboración que apoia estas actividades.