Ir o contido principal

O CITT contribúe a situar USC na vangarda da transferencia de tecnoloxía e coñecemento á sociedade, di o reitor Juan Viaño

Sánchez, Viaño, Méndez e López, na sinatura de renovación do convenio do CITT
Sánchez, Viaño, Méndez e López, na sinatura de renovación do convenio do CITT
Caixa Rural Galega, Deputación Provincial de Lugo, CEL e USC renovan o convenio do CITT do campus lugués, que xestionou 13,8 millóns de euros no trienio 2011-2013

O Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do campus de Lugo da USC xestionou durante o trienio 2011-2013 fondos por un importe total de 13,8 millóns de euros para o desenvolvemento de proxectos de investigacións, actividades formativas e outras actuacións segundo indicou o reitor da USC, Juan Viaño, durante a sinatura de renovación do convenio que garante o financiamento do CITT e no que participan Caixa Rural Galega, Deputación Provincial de Lugo e Confederación de Empresarios de Lugo, ademais da propia institución académica.

Viaño, que lembrou que este convenio para o mantemento dunha oficina de transferencia de tecnoloxía do campus de Lugo remonta a súas orixes a 1995, salientou a importancia deste órgano na relación da USC e concretamente, do campus de Lugo, coa contorna económica, social e institucional da provincia de Lugo. De feito, este convenio do CITT contribúe a situar á USC na vangarda da transmisión de coñecemento e tecnoloxía á contorna social, apuntou. Alén de destacar o importante cometido desenvolvido polos técnicos que traballan no Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía do campus de Lugo da USC, Viaño fixo público o seu agradecemento pola “indispensable achega” das entidades que apoian este convenio, que ten unha dotación orzamentaria de preto de 60.000 euros, dos que Caixa Rural Galega aporta 50.000 e a Deputación de Lugo, 9.500. O reitor da USC sinalou asemade que o Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía da USC é un piar básico nos cometidos de I+D+i impulsados e desenvolvidos no campus de Lugo, tal e como o corroboran as máis de 272 actividades xestionadas por este órgano. Asemade, Viaño indicou que os fondos captados e xestionados polo CITT fixeron posible a contratación de 26 persoas con cargo a distintas convocatorias competitivas, ademais doutros 136 contratos de persoal a través de convocatorias non competitivas. Sinatura do convenio O reitor Juan Viaño presidiu este venres o acto de sinatura da renovación do convenio para o mantemento do CITT do campus de Lugo, unha sesión na que tamén participaron a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez; o vicepresidente do consello reitor de Caixa Rural Galega, Luciano Sánchez, e o secretario da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López. Todos destacaron a importancia da captación de fondos europeos e fixeron especial fincapé na repercusión e no impacto que teñen para sociedade luguesa as accións desenvolvidas con cargo a estes fondos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2014.