Ir o contido principal

O clarinetista Joan Tormo, acompañado ao piano de Antonio Ortiz, abre este martes o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’

O pianista Antonio Ortiz e, a dereita, Joan Tormo co clarinete
O pianista Antonio Ortiz e, a dereita, Joan Tormo co clarinete
O concerto de música de cámara organizado en colaboración co AIE comezará ás 20.00 horas no auditorio da Casa do Saber. A entrada é libre e de balde para o público

O clarinetista valenciano Joan Tormo e o pianista malacitano Antonio Ortiz ofrecerán este martes, día 21 de xaneiro, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o primeiro dos concertos programados ao abeiro do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2014’, que está incluído dentro da oferta de actividades promovidas no marco do convenio Lugo Cultural, financiado conxuntamente polo Concello e a Deputación de Lugo, ademais da Universidade de Santiago.

Este concerto de música de cámara, organizado en colaboración coa Sociedade de Artistas Intérpretes e Executantes (AIE) está estruturado en dous actos. Na primeira parte Tormo e Ortiz interpretarán catro pezas para clarinete e piano do compositor Alban Berg, ademais da ‘Sonata para clarinete núm.1 op.120 núm1’, de Johannes Brahms. A ‘Sonata para clarinete e piano, op.46’ e un allegro rítmico de Salvador Brotons, ademais doutras tres pezas do compositor Francis Poulenc, completan o programa do concerto de apertura do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’. Joan Tormo naceu en Valencia en 1988 e comezou os seus estudos musicais na Escola da Unió Musical de Picanya. Máis adiante, obtivo a primeira praza de acceso ao Conservatorio Superior de Música ‘Joaquín Rodrigo’, de Valencia, donde estudou co catedrático José Cerveró. Desde o curso 2011-2012 é alumno da Escola Superior de Música Reina Sofía, na Cátedra de Clarinete cos profesores Michel Arrignon e Enrique Pérez. En xuño de 2012 recibiu a mención de alumno máis sobresaínte deste cátedra. Asemade, Joan Tormo acadou o pasado ano o segundo premio no II Concurso Internacional de Clarinete de Lisboa. O pianista malacitano Antonio Ortiz, nado en 1980, estudo nos seus comezos na Cátedra de Piano Fundación Banco Santander da Escola Superior de Música Reina Sofía cos profesores Dimitri Bashkirov e Claudio Martínez Mehner. Na actualidade, compaxina a a súa actividade concertista coa docencia na Escola superior de Música Reina Sofía como profesor pianista acompañante na Cátedra de Clarinete. No marco da súa actividade conertista, cómpre lembrar que Antonio Ortiz ten actuado como solista en Francia, Italia, Rusia e Portugal, ademais de tocar coas principais orquestras españolas. O concerto de apertura do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2014’ está aberto a todos os públicos e é de carácter gratuíto, do mesmo xeito que todas as actividades organizadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural. Lémbrase asemade que o aforo do auditorio da Casa do Saber é limitado e ten capacidade para unhas cen persoas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.01.2014.