As clases na Universidade comezarán o 21 de setembro nun réxime de presencialidade segura

O curso académico 2020/2021 comezará o próximo día 21 de setembro nun réxime de presencialidade segura coas máximas garantías sanitarias tal e como se contempla na Resolución Reitoral que vén de asinarse este mércores. “Desenvolver as actividades propias da Universidade garantindo as condicións sanitarias establecidas polas autoridades competentes é o obxectivo principal de todas e cantas medidas ten establecido e contempla o goberno que dirixo de cara ao inicio do curso”, explica o reitor Antonio López no correo electrónico dirixido ao conxunto da comunidade universitaria.
Dende o primeiro momento convivirán o Escenario 1 e o Escenario 2 contemplados nas Directrices para o Desenvolvemento dunha Docencia Presencial Segura para o curso 2020-2021. Isto significa que a docencia se desenvolverá de xeito presencial como norma xeral (Escenario 1). Soamente nos casos nos que non se poidan cumprir as directrices establecidas polas autoridades sanitarias, establecerase a convivencia entre a docencia presencial e a semipresencial (Escenario 2). Esta lóxica será de aplicación para todas as actividades que se desenvolvan no eido da Universidade e serán de aplicación asimétrica atendendo ás circunstancias de cada Centro e cada titulación, o que permitirá que o ano académico que agora comeza se desenvolva coa maior normalidade e seguridade posibles.
Distancia interpersoal de 1,5 metros
A incorporación neste momento do Escenario 2 é consecuencia da publicación no DOG do pasado venres 28 de agosto das actuacións coordinadas para centros educativos que prevén actividade lectiva presencial mantendo unha distancia interpersoal de 1,5 metros, así como das recomendacións do Ministerio de Sanidade modificadas con data de 30 de agosto.
“Dende a Universidade debemos estar preparados para dar resposta, coa maior celeridade posible, a calquera cambio que se poida dar no conxunto de normas, confuso e contraditorio moitas veces, que afectan ao ámbito da seguridade sanitaria nestes tempos que nos toca vivir”, explicaba o reitor este mércores, alén de agradecer “o esforzo e vontade demostrada para preparar coas máximas garantías o inicio dun curso académico no que teremos que poñer en valor o aprendido en meses pasados”.