Ir o contido principal

O Claustro adapta o seu regulamento interno e o electoral xeral aos Estatutos da USC

O Claustro adapta o seu regulamento interno e o electoral xeral aos Estatutos da USC
O Claustro adapta o seu regulamento interno e o electoral xeral aos Estatutos da USC
Aprobou, tamén por ampla maioría, os criterios xerais para a creación, modificación e supresión de departamentos

Co obxecto de adaptarse ao novo marco estatutario da USC, na xuntanza deste venres 26 o Claustro aprobou o seu regulamento interno así como as Liñas Xerais do Regulamento Electoral Xeral, nun proceso de debate no que se aceptaron a inmensa maioría das emendas. No caso do regulamento de réxime interno –aprobado por 112 votos, 10 en contra e 6 en branco- incorpora xa, como explicou a secretaria xeral Consuelo Ferreiro, melloras técnicas necesarias ademais de adaptalo ás novas tecnoloxías e á nova realidade de homes e mulleres en materia de conciliación da vida laboral e familiar. Polo que respecta ao regulamento electoral xeral –aprobado con 119 votos a favor, 12 en contra e 4 en branco- a partir de agora adáptase igualmente ao contexto das novas tecnoloxías. Co fin de acadar un mellor aproveitamento dos recursos existentes e tendo en conta a situación económica actual, o Claustro aprobou tamén os criterios xerais para a creación, modificación e supresión de departamentos e que desenvolverá posteriormente o Consello de Goberno nunha normativa específica. Os Estatutos sinalan un mínimo de 15 profesores para configurar un Departamento, se ben o claustro acordou este venres que con criterio xeral se tenda a un mínimo de 20 docentes, aínda que de xeito excepcional se respecte o marcado polo texto estatutario para así atender a agrupación coherente de áreas ou outras circunstancias académicas que poidan concorrer. Informe do Valedor Relativo ao curso 2013-2014, o Valedor da Comunidade Universitaria, Miguel Alcaraz, presentou o seu informe anual, no que se rexistraron 69 queixas, das que o 80% procedían do estudantado, o 16% do PDI e 4% restante do persoal de administración e servizos, unhas cifras moi similares a anos anteriores. A maioría foron cuestións relacionadas co desenvolvemento de másteres, en concreto sobre os traballos finais , prácticas ou falta de información, así como a cuestións “moi puntuais” polos servizos á comunidade. A acreditación da lingua estranxeira, o proceso de implantación dos graos e criterios de avaliación foron outras das cuestións formuladas ao Valedor, quen tamén sinalou que o 78% dos temas se resolveron ou tramitaron no prazo dun mes. Informe do reitor O reitor Juan Viaño comezou o seu informe ao Claustro aludindo ao desenvolvemento do Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio da USC, que xa comeza a ofrecer datos positivos, e ás xuntanzas coa administración autonómica polo plan de financiamento do Sistema Universitario Galego. Neste último aspecto sinalou que as institucións universitarias agardan que a Xunta de Galicia realice un esforzo para dotar o plan da maior dotación posible no contexto actual. Como tamén explicou, xa está en marcha a comisión de redacción encargada de elaborar o plan estratéxico sobre o que desenvolverá o Campus da Cidadanía e que deberá rematar o seu labor entre finais de 2015 e comezos de 2016. O acordo para a docencia clínica no grao de Medicina asinado en abril ou a política de xestión das prazas de persoal docente e investigador foron outros dos puntos tratados no informe.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.06.2015.