O Claustro apoia por ampla maioría as liñas xerais de orzamento para 2010 presentadas polo equipo de goberno da USC
O Claustro da Universidade de Santiago deu hoxe o visto bo ás liñas xerais de orzamento para 2010, que ascende a 244,6 millóns de euros. O documento -que acadou 94 votos a favor, 6 en contra e 40 brancos- será agora presentado de maneira pormenorizada ao Consello de Goberno, que llo enviará ao Consello Social para a súa aprobación definitiva.
As liñas xerais que o equipo de goberno da USC presentou ao Claustro consegue “manter os compromisos” definidos na programación plurianual e as principais apostas estratéxicas “que consolidan á USC como unha das mellores universidades do Estado”, defendeu o vicerreitor de Economía Miguel Vázquez Taín. E isto, matizou, “a pesar da importante redución nos gastos de funcionamento” -a redución media deses capítulos acada o 9,5%- que supón recortes nalgunhas partidas de máis do 25% “na medida en que determinados gastos básicos -limpezas, subministros, mantementos, seguridade...-, resultan imposibles de minorar”.
En todo caso, explicou, as liñas xerais do orzamento aprobadas farán posible atender os obxectivos prioritarios e estratéxicos da institución. Priorizou o vicerreitor o capítulo de persoal, “no que hai que facer fronte ás derivas e necesidades ordinarias”, e nomeou tamén, entre outros asuntos, a amortización da débeda bancaria que se derivou da crise económica da USC a principios da década “e que está xa reconducida”, os préstamos reintegrables asociados a convocatorias competitivas que están permitindo financiar infraestruturas e equipamento científico necesario e as accións orientadas á calidade na docencia, na investigación e nos servizos.
O acordo acadado coa Xunta, e polo que se demorou a presentación deste documento ao Claustro, materialízase nunha autorización de débeda por un importe de 10 millóns de euros, que case na súa totalidade se orientará á amortización da débeda adquirida para superar a crise económica e á devolución de préstamos reintegrables -8 millóns de amortizacións en total-. Deste modo, a débeda da USC apenas se incrementará no vixente exercicio –amortizáronse xa nos últimos anos 16,4 millóns-, non só pola redución dos gastos de funcionamento senón tamén polas achegas extraordinarias de recursos do Goberno para equilibrar o orzamento nun ano, o presente, que o reitor cualificou de “extremadamente difícil”.
O orzamento para 2010, xunto coa liquidación en equilibrio do exercicio 2009 e a “clara recondución da crise económico-financeira sufrida”, permitiralle á USC contar cun escenario “de estabilidade orzamentaria nun exercicio de transición” tanto en clave interna -a mediados de ano producirase un cambio no goberno da Universidade- como externa, “no necesario proceso de transición cara un novo Plan de Financiamento do SUG, que resulta xa de extrema necesidade”, sentenciou Barro.
Plan de FinanciamentoNestas Liñas Xerais faise explícito unha vez máis o menor financiamento que a USC está a recibir respecto do resto de universidades do Estado español (sobre o 75% da media nacional) e en particular con aquelas coas que compite en calidade e resultados, tanto no ámbito docente como investigador. Como exemplo, Taín comparou o 0,74% do PIB que o Goberno galego dedica á educación superior co 1,04 de Andalucía. “Se se corrixise esa diferenza cos andaluces suporía nada más nin nada menos que 180 millóns de euros a maiores para as tres universidades galegas”, explicou.
Por iso o reitor compostelán comezou e rematou a sesión reclamando un novo plano de financiamento. Esta situación, denunciou referíndose á súa inexistencia, está aumentando o risco de perder competitividade no Estado e fóra del nun momento no que a USC está a conseguir “unha gran proxección” e no que acadou un excepcional éxito co recoñecemento de Campus de Excelencia Internacional, “demostrando que é unha das Universidades máis rendibles do Sistema Universitario Español”.