Ir o contido principal

O Claustro aproba as liñas xerais dos orzamentos para 2020 e do Plan de Infraestruturas

Sesión ordinaria do Claustro Universitario. Foto: Santi Alvite
Sesión ordinaria do Claustro Universitario. Foto: Santi Alvite
O Claustro aprobou por unanimidade un Estatuto que recolle os dereitos e deberes do estudantado da USC
Lugo, Santiago de Compostela

O Claustro Universitario deu luz verde este xoves á proposta de liñas xerais de orzamentos para a vindeira anualidade, os cales ascenden a 254,26 millóns de euros. Os orzamentos, aprobados con 69 votos a favor, 11 en contra e 9 en branco, “apostan polo futuro da Universidade con valentía pero tamén con rigor, transparencia e responsabilidade e co obxectivo de camiñar cara a sostibilidade a medio prazo para que a USC siga liderando o coñecemento en Galicia”.

O texto está estruturado en tres liñas prioritarias e dúas liñas estruturais. A liña prioritaria dedicada ás persoas, destaca que “o alumnado é o motor da institución” e, entre outras medidas, recolle un plan de choque consistente na revisión dos criterios de asignación relacionados coa renda dispoñible das 1.200 prazas de residencias universitarias que oferta a USC. Outra medida no ámbito do alumnado será a de achegar de novo os servizos aos centros docentes, reforzando a centralización das unidades de xestión de centros e departamentos para incrementar a atención directa nelas.

Durante o ano 2020 executaranse os Plans plurianuais do persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos. Ambos os plans están destinados a frear a idade media do persoal, reducir a precariedade e consolidar a promoción profesional. En xeral, para a comunidade universitaria, continuarase coa implantación de ferramentas informáticas de autoservizo que faciliten o acceso a trámites administrativos e de servizos.

Os outros dous apartados que nutren estas liñas xerais dos orzamentos están centrados na mellora das infraestruturas e na cooperación coas institucións, nomeadamente cos concellos de Santiago e Lugo. Asemade, impulsaranse acordos de colaboración coa Xunta de Galicia que fagan viables economicamente as actuacións sobre a infraestrutura docente e investigadora. As dúas liñas instrumentais, finalmente, están centradas na corresponsabilidade no gasto e nunha nova estrutura orzamentaria que responda ás ideas de transparencia, rigor e control, a cal se instrumentará a través do reforzo do control do gasto aumentando a transparencia e a fiscalización.

Infraestruturas

O Claustro Universitario aprobou tamén as Liñas Xerais do Plan de Infraestruturas coas que se actualiza a Programación Plurianual 2019-2022. O texto aprobado busca racionalizar e conseguir un mellor aproveitamento dos edificios e instalacións de que dispón a USC para cumprir coas súas funcións docentes, investigadoras e de prestación de servizos á comunidade universitaria. O documento foi aprobado con 87 votos a favor, 4 en contra e 28 en branco.

Os principios básicos das liñas do Plan de Infraestructuras son dar prioridade a investimentos en dotación docente, e reducir a superficie construída, estimada na presentación realizada polo xerente, Javier Ferreira Fernández, en 25.000 metros cadrados cun aforro dun millón de euros. Asemade, estas liñas aspiran a organizar modularmente espazos e favorecer espazos compartidos, mellorar a eficiencia das instalacións e a súa xestión, achegar os servizos á comunidade universitaria, e impulsar a colaboración con institucións locais autonómicas e estatais.

A construción dun novo centro para a área das Ciencias da Saúde na parcela da actual Facultade de Farmacia constitúe un dos obxectivos deste plan. Ademais, o documento contempla a ampliación da Facultade de Ciencias da Educación, a rehabilitación integral das Facultades de Medicina e Odontoloxía e de Xeografía e Historia, a reubicación da Facultade de Enfermaría, a rehabilitación da Facultade de Química, a integración da Facultade de Formación do Profesorado no Campus de Lugo-Fingoi, así como a renovación das instalacións e acondicionamento das residencias universitarias.

A rehabilitación do patrimonio, a mellora das instalacións e do modelo de xestión, así como a mellora urbana e a organización da mobilidade no Campus de Santiago e Lugo, completan o documento aprobado este xoves.

Estatuto do estudantado

A sesión ordinaria do Claustro serviu tamén para aprobar o Estatuto do Estudantado, documento que desenvolve os dereitos e deberes recoñecidos ao estudantado en canto tal nos Estatutos da Universidade. O texto está estruturado en trece capítulos e corenta artigos que abranguen dende a programación docente e avaliación do estudantado de ensinanzas que conducen á obtención dun título oficial, ata o eido da mobilidade estudantil, a avaliación da aprendizaxe, o dereito á propiedade intelectual, as asociacións ou as axudas e subvencións, entre outras cuestións. O texto foi aprobado por unanimidade.

Informe do reitor

No seu informe o reitor deu conta dos principais fitos que ten protagonizado a xestión universitaria nos últimos meses destacando o repunte de alumnado de novo ingreso experimentado este curso e que cifrou no 9%. Neste senso, Antonio López indicou a necesidade de traballar a medio prazo na definición dun novo plan de titulacións.

Igualmente adiantou a próxima posta en marcha da web da USC e da app institucional que suporán ferramentas útiles e prácticas de relación coa USC que redundarán na optimización de determinados procedementos tanto de xestión como de relación coa USC. Outras cuestións das que Antonio López informou ao claustro foron as negociacións producidas en relación á folga na Facultade de Medicina ou o proceso para a implantación en Galicia dunha universidade privada.

O reitor informando ao Claustro. Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.12.2019.