Ir o contido principal

O Claustro debate o Informe de xestión do reitor 19-20

A sesión prestou especial atención á xestión realizada na USC nos últimos meses para facer fonte á situación provocada pola COVID-19. FOTO: Santi Alvite
A sesión prestou especial atención á xestión realizada na USC nos últimos meses para facer fonte á situación provocada pola COVID-19. FOTO: Santi Alvite
O Claustro celebrou a súa primeira xuntanza logo do estalido da pandemia por COVID-19 cunha sesión na que se aprobou a actualización da Programación Plurianual 19-22, o informe anual do valedor e o Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022
Lugo, Santiago de Compostela

O Claustro Universitario celebrou este mércores a súa primeira sesión logo do estalido da pandemia por COVID-19 cunha sesión na que se prestou especial atención á xestión realizada na USC nos últimos meses para facer fonte á situación provocada pola emerxencia sanitaria. Deste xeito o órgano colexiado retoma a súa actividade adaptado aos novos requirimentos de seguridade sanitaria motivo polo que combinou a asistencia en sala no Centro de Estudos Avanzados co seguimento da sesión en remoto por medio de videoconferencia. Ademais do informe de xestión do reitor e da actualización da Programación Plurianual 19-22, na orde do día da xuntanza tratouse a informe anual do valedor ou o Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022.

O informe de xestión do reitor presentado este mércores é o primeiro directamente relacionado e enmarcado nos obxectivos da programación plurianual 2019-2022. O documento presentado estaba estruturado en seis bloques temáticos nos que se repasaron os logros acadados ata xuño de 2020 así como as cuestións pendentes en materia de estudantado; xestión de persoal; sustentabilidade, cultura, normalización lingüística ou relacións institucionais; oferta docente, transferencia de resultados e captación de talento; optimización da xestión dos recursos; e proxección exterior da USC.

Mención aparte mereceu a resposta da USC fronte á COVID incidindo nas distintas medidas, tanto no plano normativo como de ordenación académica, definidas nos últimos meses para manter a actividade académica, docente e investigadora con arranxo ás medidas sanitarias en cada unha das distintas fases polas que transcorreu a pandemia dende o pasado mes de marzo. No transcurso da sesión, deuse conta tanto da normativa xerada e das adaptacións realizadas para o ordenamento da actividade universitaria como das medidas desenvolvidas para o desenvolvemento da programación académica docente.

Programación Plurianual

A actualización da Programación Plurianual para o período 2019-2022 incluía as novas datas de cumprimento das accións propostas así como novas liñas de intervención para a adaptación e mitigación dos efectos que a pandemia da COVID-19 ten sobre o proceso de ensino e aprendizaxe e as tarefas de investigación. O documento foi aprobado por 101 votos a favor, 1 en contra e 21 abstencións.

Normalización Lingüística

O Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022 foi tamén aprobado este mércores por 115 votos a favor, 1 en contra e 4 abstencións. O documento consta de máis dunha vintena de medidas distribuídas nos bloques Xestión, Docencia, Investigación e Proxección. Todo o conxunto de medidas que conforman este Plan foron redactadas tendo presentes os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU, poñendo o foco no obxectivo número 4 que se centra no ensino de calidade. O documento aspira a propiciar un salto cualitativo na extensión do uso da lingua galega na USC e busca convencer, incentivar e propoñer. Neste senso, contarase axiña cun Regulamento de Usos Lingüísticos, primeira medida do ámbito de Xestión, que regule de forma clara os dereitos individuais de todos os membros da comunidade universitaria e conxugue os dereitos individuais cos dereitos colectivos e as obrigas institucionais con todos eses dereitos.

Informe do valedor

Na sesión do Claustro, tamén se deu lectura ao Informe do Valedor da Comunidade Universitaria. En  total, ao longo do curso 2018-2019,  fixéronse, por parte de todos os estamentos da Universidade, aínda que sobre todo por parte do estudantado, e a través de distintos medios, 56 consultas solicitando información sobre temática diversa que logo non remataron na presentación de queixas. En canto ás queixas recibidas, presentáronse un total de 65, tres das cales non foron admitidas a trámite. Avaliación académica, ámbito laboral, docencia; terceiro ciclo, posgrao  e formación  continua; servizos á comunidade universitaria e procesos selectivos foron os temas que abrangueron a maioría das queixas presentadas.

Completou a orde do día da xuntanza a proposta de acordo sobre colaboración na docencia do persoal investigador, dando cumprimento á disposición derradeira única do Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e de apoio á investigación. Segundo esta disposición, o persoal investigador en etapa predoutoral en formación e aquel con contrato de acceso ao Sistema Español de Ciencias, Tecnoloxía e Innovación e o distinguido poderá colaborar en tarefas docentes. O texto foi aprobado por 89 votos a favor, 4 en contra e 10 abstencións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.12.2020.