Ir o contido principal

O Claustro Universitario aproba as liñas xerais do Orzamento 2023 e da Programación Plurianual 2023-2026

As liñas xerais aprobadas polo Claustro por 95 votos a favor, 1 en contra e 13 en branco, poñen o acento na proxección social e na implicación da Universidade coa súa contorna. FOTO: Santi Alvite
As liñas xerais aprobadas polo Claustro por 95 votos a favor, 1 en contra e 13 en branco, poñen o acento na proxección social e na implicación da Universidade coa súa contorna. FOTO: Santi Alvite
O orzamento pasa dos 244 millóns de euros de 2019 aos 287,89 previstos para 2023, o que supón un aumento do 18%. Nunha xuntanza celebrada na Facultade de Medicina e Odontoloxía, tamén se aprobou a creación dunha comisión de Internacionalización, delegada deste órgano colexiado
Lugo, Santiago de Compostela

As Liñas Xerais dos Orzamentos para 2023 propoñen unha concepción integral que proxecte a USC entre as universidades destacadas a nivel mundial coa vontade de facer fronte á caída demográfica, á transformación dixital e á captación de recursos. Co lema ‘Conectando’ como denominador común, as liñas reafírmanse na necesidade de desenvolver unha estratexia integral, de “actuar cunha concepción integradora que conecte as partes co todo”. Como se recolle no documento aprobado este venres, “o escenario financeiro, coas perturbacións que poidan existir, ten un horizonte estable a medio prazo proporcionado polo Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026 (PGFU), que marca uns eixos consensuados por todas as partes e que ten uns obxectivos de mellora que esixen unha participación activa no seu desenvolvemento”.

A definición destas liñas de actuación que logo deberán materializarse nos Orzamentos da USC para 2023 reafirman a súa concepción baseada na “prudencia, rigor, o control nas actuacións e a transparencia” como principios reitores das políticas desenvolvidas ao seu abeiro xa sexan dirixidas ás persoas ou aos recursos materiais. A Universidade, engade o documento presentado no Claustro, “ten que integrar un enfoque orientado ao principio de boa administración, temos unha función social e temos que cumprir con esa misión aumentando a calidade dos nosos servizos e das actividades que desenvolvemos para a sociedade”. As liñas xerais aprobadas polo Claustro por 95 votos a favor, 1 en contra e 13 en branco, poñen o acento na proxección social e na implicación da Universidade coa súa contorna máis inmediata así como co conxunto da cidadanía. Neste senso, cobran particular interese iniciativas novidosas, por exemplo de carácter deportivo ou cultural, como é o caso de Corresponsables ou o recente convenio asinado co Centro Dramático Galego.

Constante crecemento

“Estes son os quintos orzamentos que traemos ao Claustro”, subliñou o reitor, Antonio López,  os cales evidencian, tal e como explicou, a tendencia de constante crecemento dos últimos anos, onde se pasa dos 244 millóns de euros de 2019 aos preto de 288 previstos para 2023, o que supón un aumento do 18%. “O rigor máximo no gasto corrente e a súa redución e aforro”, derivados das actuacións en materia enerxética e no ámbito da limpeza  (1,8 millóns de aforro), son eixos esenciais das liñas dos orzamentos.

Neste senso e de acordo coas cifras presentadas, as liñas conforman unha aposta decidida pola renovación e estabilización do persoal. “O relevo xeracional era un gran reto e segue a ser un gran reto”, dixo o reitor. Así, “imos seguir apostando polas persoas, traballadoras e traballadores, nunha concepción global”, afirmou o xerente, Javier Ferreira. Como explicou o xerente, nos últimos anos aboáronse ademais 17 millóns de euros correspondentes á debeda contraída pola USC, se ben “se o crecemento é unha das constantes, tamén o é a contención do déficit, cunha excepción marcada pola situación orixinada no ano da declaración pandemia”.

A partir desta filosofía, a proposta de liñas xerais para o Orzamento de 2023 ten un importe global para os capítulos de ingresos e gastos dun total de 287,89 millóns de euros. A proposta de incremento respecto ao período actual é do 4,66%, superior ao incremento que se rexistra no PGFU e que acada o 3% no conxunto de fondos que o compoñen. Como se puxo de manifesto na presentación realizada ao Claustro, “a Universidade non pode renunciar a conseguir máis recursos, o PGFU debe actuar de marco mínimo pero sen esquecer que a actuación nos ingresos debe fomentar a captación de novos recursos”. O documento recolle igualmente a cifra máxima de gasto non financeiro, por valor de 288,71 millóns de euros neste momento. O teito de gasto para 2023 foi aprobado por 120 votos a favor, ningún en contra e 10 en branco.

Para alcanzar este obxectivo, os criterios de actuación definidas nas Liñas Xerais sinalan a necesidade de actuar nos ingresos, mellorando en parámetros como a cobertura máxima de número de prazas que se ofertan, pola captación de fondos relacionados cos instrumentos de execución do programa Next Generation ou polo incremento dos ingresos percibidos por tarifas de prestación de servizos. Tamén se apuntan actuacións no capítulo de gastos, “cómpre incorporar a información integral para a toma de decisións, o gasto ten que estar avalado polos datos”, e prestarase especial atención ás medidas de eficiencia enerxética, “reducir o gasto corrente é unha das estratexias que podemos acometer para que os recursos dispoñibles se centren en políticas máis necesarias”.

No desenvolvemento destas liñas xerais tomáronse en consideracións tres liñas estratéxicas e outras tantas de carácter instrumental. De entre as primeiras, o apartado dedicado a Persoas desagrégase para detallar prioridades no relativo ao alumnado, ao cadro de persoal e en relación á comunidade universitaria no seu conxunto e á cidadanía. A segunda das liñas está centrada na docencia, con especial atención á captación de estudantado de grao, mestrado e doutoramento e a accións de mellora das titulacións de mestrado oficial e dos programas de doutoramento; e unha terceira liña que xira sobre a xestión da investigación. Pola súa banda, as liñas instrumentais arrancan cos medios necesarios e nomeadamente a Cidade da Saúde, a rehabilitación de edificio do Plan de Infraestruturas, os espazos USC, a mobilidade sustentable, a colaboración cos centros e a implantación do plan de estratexia enerxética. Os outros dous elementos instrumentais son a transformación dixital e a colaboración institucional.

Liñas Xerais da Programación Plurianual 2023-2026

No marco da información económica tamén aprobada, o Claustro deu igualmente o seu respaldo ás Liñas Xerais da Programación Plurianual 2023-2026 con 101 votos a favor, 3 en contra e 31 en branco. A proposta mantén as ideas esenciais e eixes de acción presentados polo actual equipo no programa electoral. Como se especificou, a estes engádense os plans de mitigación e adaptación ás posibles variacións dunha evolución negativa da economía para os vindeiros anos, particularmente no relativo a infraestruturas, nas que cómpre ter en conta como prioridade a procura da ecoefiencia enerxética, apunta o documento. A planificación complementarase coa elaboración do Plan Estratéxico da USC durante 2023.

Os eixos fundamentais destas liñas son: o estudantado e a comunidade universitaria, a formación e a docencia no novo contexto, os retos na política de persoal, a investigación e a innovación como motor de desenvolvemento, a senda da internacionalización, a procura de infraestruturas ecoeficientes, a transformación dixital e a xestións eficiente dos recursos.

A definición deste eixes busca a proxección social da USC como universidade pública e a intensificación da conexión cos valores da sociedade galega. Deste xeito, a recuperación das facultades e escolas como referentes da comunidade universitaria e, especialmente do alumnado, conscientes de que “o novo contexto derivado da COVID-19 acelerou a transformación do proceso educativo co que a USC debe impulsar aquelas accións encamiñadas a unha mellora e diversificación da oferta docente. No relativo á política de persoal, o obxectivo de actuación fixado sinala que “garantir a remuda xeracional é probablemente o desafío máis importante que a USC terá que afrontar nos vindeiros anos”.

Estas liñas tamén recollen a experiencia acumulada en período de pandemia no eido da investigación, a COVID “puxo enriba da mesa que unha sociedade avanzada é aquela que confía e inviste na I+D+i”. Así, engade o documento de liñas xerais, “é necesario continuar coa estratexia que permitiu dar pasos importantes no eido da xestión da investigación e seguramente, ligar os obxectivos aos indicadores do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026.

A aposta por seguir a impulsar a necesaria transformación dixital e a intensificación da sensibilidade ante as problemáticas que afectan a comunidade universitaria e que, en ocasións, provocan situacións de vulnerabilidade conforman os retos da USC para os vindeiros anos, tal e como pon de manifesto o aumento, de 150.000 a 300.000, da cantidade para bonos comedor ou a posta en marcha e reforzo da Unidade de Atención Psicolóxica. Ademais, a USC pretende seguir impulsando o liderado a través do esforzo pola captación de recursos que derivou, entre outras, na mellora porcentual no novo plan de financiamento ou a posición de referencia no recente PERTE da lingua. 

Comisión de Internacionalización

A emisión de propostas no eido da internacionalización para ser deliberadas polo Claustro é a meta da comisión creada no marco da xuntanza deste venres. Emitir informes, a recepción de información por parte dos órganos unipersoais ou a formulación de acordos sobre asuntos expresamente delegados polo Claustro son outras das funcións da comisión creada coa vontade de definir un Plan de Internacionalización actualizado. A composición estarárá conformada por 7 membros do sector 1 (profresorado funcionario doutor), 2 do sector 2 (restantes categorías do PDI), 4 do sector 3 (estudantado) e 3 do sector 4 (PAS). A comisión foi aprobada por 76 votos a favor, 0 en contra e 11 en branco.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.12.2022.