O Claustro Universitario aprobou as liñas xerais do orzamento para 2017

O Claustro Universitario aprobou este xoves as Liñas Xerais do Orzamento da USC para 2017 con 112 votos a favor, 62 en contra e 13 en branco. Estas liñas fixan as contas universitarias para o vindeiro ano en 218,19 millóns de euros, o que representa unha variación do 1,46% con respecto ao exercicio anterior. Esta proposta de orzamentos baséase na estimación derivada do Plan Galego de Financiamento Universitario así como dos ingresos propios da USC, deixando á marxe da formulación inicial os aspectos que deben ser concretados no orzamento da Xunta, pendente de aprobación.
As liñas xerais “marcan o punto de inicio do proceso negociador para lograr os mellores orzamentos para a USC”, valorou o reitor Juan Viaño na súa intervención ante o Claustro Universitario, na que tamén sinalou que progresivamente “imos retomando a senda da normalidade orzamentaria e do saneamento financeiro”. Viaño lembrou ademais que o documento orzamentario para 2017 se axusta ao planificado no Plan Económico Financeiro de Reequilibrio aprobado hai dous anos “ e contemplan o escenario que deseñamos naquel momento e que se está cumprindo conforme ao previsto”.
No apartado dos ingresos “seguimos apostando por unha estimación cauta con pequenos reaxustes sobre o planificado e sen incluír ningún ingreso extraordinario ata que sexa efectivo”, aclarou Juan Viaño. Polo que respecta ao capítulo de gastos, os orzamentos contemplan “financiar as previsións de contratación de PDI e PAS, o aforro logrado cos novos contratos de subministro, a mellora de financiamento en I+D, a mellora do crédito destinado a centros docentes, a absorción da débeda e o saneamento financeiro”. En definitiva, concluíu Viaño, as contas para 2017 “suporán unha mellora substancial para a comunidade universitaria e permitirá continuar co escenario de mellora iniciado no ano 2016”.
Programación Plurianual
O Claustro aprobou tamén a actualización de 2016 das Liñas Xerais da Programación Plurianual 2015-18 da USC –por 100 votos a favor, 87 en contra e 9 en branco-. O documento aprobado dá conta da evolución e das correspondentes actualizacións do programado durante o ano 2015 e en 2016 co obxectivo de debater e aprobar os distintos fitos que ou ben foron cumpridos ou ben foron modificados sobre a programación prevista, así como as propostas de actualización para o período 2017-2018. Do total das 28 emendas presentadas ao documento inicial aceptáronse 18.