O Claustro da USC aproba os Estatutos e elixe Valedor da Comunidade Universitaria a Miguel Alcaraz

O Claustro da Universidade de Santiago aprobou este martes os novos Estatutos da institución por 172 votos a favor, 63 en contra, 15 brancos e 3 nulos. Ademais, elixiu o profesor do Departamento de Psicoloxía Social e Básica Miguel Alcaraz novo Valedor da Comunidade Universitaria, a proposta do reitor Juan Casares. Na mesma sesión decidiuse por maioría non dar o visto bo á programación plurianual para o período 2012-2014. Os Estatutos da USC volvían de novo ao Claustro, esta vez cun texto que xa incorporaba o aprobado na sesión do mes de abril. Ao documento presentado pola Comisión encargada da redacción dos novos Estatutos da USC presidida polo profesor Juan Monterroso presentáronse catro votos particulares e 17 emendas, todas retiradas ou rexeitadas en votación agás dúas propostas do alumnado. O novo texto estatutario da Universidade de Santiago de Compostela, que perde o cualificativo de ‘Real’, introduce novas garantías para a lingua galega e o seu uso na institución, de conciliación, de igualdade de oportunidades e de xénero, de integración de persoas con discapacidade ou de sustentabilidade. O capítulo de PDI inclúe a duración dos períodos de contratación e recolle como criterio de contratación de PDI a estabilización e promoción académica do persoal acreditado polas instancias externas oficiais. O estudantado atopará no texto aprobado novos deberes e novos dereitos, actualizados e concordes coas novas obrigas do Espazo Europeo de Educación Superior. O texto contempla tamén a modificación da representación dos diversos sectores universitarios no Claustro, maior no novo texto para o alumnado das titulacións oficiais e para o PAS. Na explicación de voto posterior ao debate das emendas os grupos con representación no Claustro +Ideas, Universidade Aberta, A Trabe e CUPAS mostráronse a favor ou non contrarios ao texto, mentres que o estudantado de Comités e Liga Estudantil se posicionou en contra. Valedor da Comunidade Universitaria O profesor do Departamento de Psicoloxía Social e Básica Miguel Alcaraz será o novo Valedor da Comunidade Universitaria da USC tras conseguir 190 apoios (a maioría absoluta necesaria estaba en 147) nunha votación na que ademais houbo 56 brancos e 6 nulos. Na súa intervención desta mañá Alcaraz sinalaba a honestidade, imparcialidade, transparencia, autonomía e independencia -esta última con especial importancia- como os principios que guiarán o seu mandato. Para o novo valedor “é necesario facer autocrítica e recoñecer que aínda existen dificultades e eivas que solucionar” na institución universitaria, “e ou o facemos nós, tendo en conta as demandas da sociedade, ou farano outras persoas ou entes alleos e descoñecedores da nosa realidade”, matizou. Miguel Alcaraz estudou Psicoloxía na USC, onde en 1983 comeza a súa traxectoria como profesor universitario. Á marxe de labores docentes e investigadoras destaca a súa experiencia en tarefas de xestión que demostran o seu compromiso coa USC. Así, foi membro do Claustro en distintos períodos e formou parte da Xunta de PDI, que chegou a presidir, e da Mesa de Negociación dende a súa constitución. Foi ademais director de Departamento e membro do Consello de Goberno da USC en representación dos Directores de Departamento. Programación plurianual Por outra banda, o Claustro universitario decidiu este martes non continuar co debate da Programación Plurianual para 2012-2014 toda vez que prosperou -por 127 votos a favor, 83 en contra e 16 brancos- unha emenda que solicitaba a retirada do texto. A programación, que debía aprobar definitivamente o Consello Social, é un programa de traballo que define os obxectivos por acadar ao remate do seu período de vixencia, xunto coas actuacións que cómpre programar e aplicar para acadar eses obxectivos e os resultados esperados, así como os indicadores que permitan a súa medición, seguimento e avaliación. Representantes de comisións Por último, elixíronse os membros da mesa do Claustro e da comisión electoral central, os/as representantes do Claustro no Consello de Goberno e os/as integrantes das comisións de reclamacións, de organización docente, de investigación, de asuntos económicos, de actividades culturais, de asesoramento e axuda ao/á Valedor/a, de titulacións e programas de estudos, de desenvolvemento estatutario e de normalización lingüística.
Concentración de PAS
Antes de comezar o Claustro o Persoal de Administración e Servizos da USC concentrouse na entrada do salón de actos de Psicoloxía en protesta pola aplicación dos decretos aprobados polo Goberno que afectan as condicións de traballo deste colectivo.