Clausura do curso de Terminoloxía Médica e Práctica Clínica en Español para estudantes norteamericanos
Cursos Internacionais da USC, en colaboración coa Facultade de Medicina, clausura este martes 27 ás 18:00 horas na Sala Castelao deste centro o curso de Terminoloxía Médica e Práctica Clínica en Español para os estudantes da Texas Tech University, Health Sciences Center. Este curso, incluído na oferta académico de Cursos Internacionais, estaba dirixido a estudantes de Medicina dentro dos programas formativos de Español con Fins Específicos. O seu obxectivo é mellorar a competencia comunicativa dos participantes no ámbito da asistencia sanitaria e a medicina, integrar os coñecementos lingüísticos e socioculturais necesarios para a práctica médica e coñecer as variedades do español no ámbito médico, con especial atención ao español de América.
Xunto ás xornadas teóricas os quince participantes asistiron a sesións prácticas no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e participaron en seminarios específicos coordinados polo doutor David Araujo sobre organización hospitalaria en España ou a elaboración de historias clínicas en diferentes especialidades. O programa de formación completouse coa realización de actividades culturais e visitas a puntos de interese da xeografía galega.