Ir o contido principal

Clausura do proxecto Small World Initiative desenvolvido na USC con alumnado de ensino secundario de Santiago

En base a unha extratexia de crowdsourcing, estudantes de Farmacia titorizaron aos de secundaria nun proxecto para avaliar o potencial de novos microorganismos como antibióticos

Descubrir a partir de mostras de solo seleccionadas por eles mesmos, novos microorganismos, así como avaliar o seu potencial para a produción e novos antibióticos é o obxectivo dun proxecto ‘ Small World Initiative’ (SWI) desenvolvido na USC por alumnado dos institutos Rosalía de Castro e Acebispo Xelmirez I e do colexio Nosa Señora dos Remedios titorizados por alumnado da materia Microbioloxía I do grao en Farmacia. O proxecto celebrará este luns 7 o acto de clausura nunha sesión ás 16.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Esta actividade conta co apoio da Sociedade Española de Microbioloxía e está incluído no programa A Ponte entre a USC e o ensino medio.

Na xornada do luns intervirán o profesor da Universidade Complutense e coordinador de SWI en España Víctor Jiménez, para falar do desenvolvemento da Small World Initiative en España. A SWI é un proxecto cuxa finalidade é achegar a cultura científica e a investigación biomédica a novos estudantes para fomentar a vocación investigadora. Baséase nunha estratexia de crowdsourcing dirixida ao descubrimento de novos antibióticos. O crowdsourcing implica a externalización de tarefas que, en lugar de ser subcontratadas, quedan a cargo dun grupo numeroso de persoas voluntarias ou unha comunidade a través dunha convocatoria aberta. O método empregado é idéntico ao célebre achado casual da penicelina por Alexander Fleming, máis de maneira dirixida e participativa.

Tamén tomará a palabra a profesora da Universidade de Tübingen (Alemaña) Evi Stegmann co relatorio ‘O minado de xenomas como estratexia para o descubrimento de novos antibióticos’. Seguiralle o docente da Universidade Técnica de Dinamarca Tilmann Weber que se referirá á ‘ Transferencia horizontal de xenes de resistencia de Streptomyces a bacterias patóxenas’.

Ao final do acto, o profesorado da USC implicado no proxecto, Sandra Sánchez Poza, Trinidad de Miguel Bouzas e Carlos Rodríguez Osorio, farán unha exposición cos datos obtidos nesta primeira edición SWI na USCe entregaranse os diplomas acreditativos da participación no proxecto ao alumnado da USC implicado así como aos centros de educación secundaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2018.