Clausúrase o congreso de estudantes de Medicina coa entrega de premios
Os estudantes de facultades de Medicina de España e Portugal reunidos en Santiago no seu terceiro congreso ‘CibEMe’ desenvolverán este venres 30 a súa última sesión coa entrega de premios ás 18:30 horas. Este ano por primeira vez o premio para o mellor traballo científico presentado é unha bolsa, dunha duración dun mes, para participar nun proxecto de investigación na Universidade de Harvard, concretamente na Medical School e no Beth Israel Deaconess Medical Center (Center for Advanced Orthopedic Studies). Alíterá a oportunidade de interaccionar con distintos grupos de investigación, integrados por máis de trinta estudantes de doutoramento e posdoutoramento. As actividades propostas teñen como cerne a bioloxía osteoclástica básica, a transcrición xenética, a bioloxía das citoquinas, a biomecánica e bioloxía do oso e cartílago e a terapia xenética.
Pero a xornada dará comezo pola mañá coa intervención do director xerente do Centro de Investigación Biomédica en Rede-Fisiopatoloxía da Obesidade a Nutrición (CIBERobn), Enrique Caso, a quen lle seguirá unha mesa redonda na que profesionais da farmacoloxía tratarán unha cuestión tan de actualidade como as unidoses.
Xa pola tarde a presidenta de Médicos del Mundo en Galicia, Nieves Turienzo, explicará o traballo que desenvolve a súa organización para dar paso, ás 17:00 horas, a outra mesa de debate sobre as epidemias do século XXI.
CibEMECibEMe é o único congreso de estudantes de Medicina exclusivamente ibérico que naceu hai dous anos da man da asociación AFieMED coa finalidade de promocionar a investigación médica entre os alumnos das facultades emprazadas na Península.