Ir o contido principal

Clausurouse en Fonseca a exposición dos Premios María Josefa Wonenburger Planells

O reitor nun momento da súa intervención durante o acto de clausura. Foto: Servimav-USC
O reitor nun momento da súa intervención durante o acto de clausura. Foto: Servimav-USC

As universidades galegas a través das Oficinas e Unidades de Igualdade colaboraron estes meses acubillando nos seus sete campus a exposición das galardoadas dos Premios María Josefa Wonenburger Planells -que outorga a Unidade de Muller e Ciencia dende o ano 2007- coa que se pretende visibilizar as contribucións feitas por estas científicas e tecnólogas galegas, e así dar a coñecer entre a comunidade universitaria o traballo destas mulleres.

A mostra, agora presente no claustro do Colexio de Fonseca, clausurouse este mércores 29 nun acto no que interviñeron o reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. Viaño resaltou a figura de María Wonenburger, “capaz de superar os prexuízos da época e de todos aqueles que non entendían que o feito de ser muller non é un obstáculo para ser unha excelente científica”. “Iniciou unha senda moi importante na ciencia internacional, e na matemática en particular, –dixo– que permitiu comezar a rachar conceptos machistas instalados na medula das sociedades da época e fundamentados en simplezas e descoñecemento”.

A exposición recolle o que aconteceu nos últimos nove anos e os descubrimentos que fixeron cada unha das homenaxeadas. As profesoras Inmaculada Paz Andrade e Tarsy Carballas realizan un traballo que permite previr os lumes e recuperar as terras queimadas. Pola súa banda, as profesoras Teresa Miras Portugal, Carmen Navarro Fernández–Balvuena e Soledad Soengas González logran avanzar nas enfermidades que máis nos afectan neste século; un equipo ao que se suma a profesora María José Alonso Fernández, que dedica todo o seu talento e esforzo a lograr medicamentos máis efectivos a través da nanotecnoloxía. O elenco de premiadas complétase coa profesora Carmen García Mateo, dedicada á codificación de audio e a lograr mellorar a comunicación entre as máquinas e nós; Ofelia Rey Castelao, que explicou o que supuxo a emigración; e a arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola, premiada este ano.

María Wonenburger
María Josefa Wonenburger (Oleiros, 1927-2014) licenciouse en Matemáticas pola Universidade Central de Madrid en 1950. Foi a primeira muller española en obter unha bolsa Fullbright, o que lle permitiu continuar a súa formación na Universidade de Yale (EEUU). Coa súa tese, dirixida polo alxebrista Nathan Jacobson e titulada On the group of similitudes and its projective group (Sobre o grupo de semellanzas e o seu grupo proxectivo), doutorouse por esta universidade en 1957.

Tras unha breve paréntese en España traballando como investigadora no CSIC, en 1960 recibiu unha bolsa posdoutoral da Queen University (Ontario, Canadá), onde permaneceu seis anos. Nese tempo, tivo como discípulo a Robert Moody, quen se inspirou nos seus traballos. Por iso é considerada como a “nai” da Teoría de Kac-Moody, álxebras con moitas aplicación en Física Teórica e distintos campos das Matemáticas.

Trasladouse logo a Estados Unidos, onde pasou un ano na Universidade de Buffalo ata que en 1967 conseguiu a praza de Full Professor na Universidade do Estado de Indiana. Alí traballou á beira de matemáticos destacados, sendo ela unha alxebrista de referencia internacional.

Regresou a España en 1983 e, nos seus últimos anos, a súa carreira foi recoñecida no noso país. No 2007, a Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia creou o Premio María Josefa Wonenburger Planells para distinguir a aquelas mulleres galegas con traxectorias notables no campo da ciencia. Tamén foi investida Doutora Honoris Causa pola Universidade da Coruña en 2010.

María José Alonso, nun momento da súa visita ao seu panel. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2016.