Ir o contido principal

Clave de Fado pecha este xoves o Lubicán 2015 cun concerto no auditorio da Casa do Saber

Integrantes do grupo Clave de Fado
Integrantes do grupo Clave de Fado
A actuación comezará ás 20.30 horas e a entrada é libre e de balde para todas as persoas interesadas ata completar o aforo

O grupo Clave de Fado, fundado a finais de 2009 por Iria Estévez, Gonzo Piña e Pepe Piña como formación de versións, pechará este xoves o ciclo Lubicán 2015 cun concerto no auditorio da Casa do Saber de Lugo, onde interpretará temas do seu último traballo, ‘Xanelas’, así como outras creacións que xa forman parte do repertorio desta formación galega.

O proxecto artístico de Clave de Fado, deseñado pola súa vocalista, Iria Estévez, estaba inicialmente orientado á creación de versións de grandes temas de música galega e portuguesa, partindo do fado pero aportando unha nova visión sobre a música lusa por excelencia. Logo de varios anos, Clave de Fado ampliou o seu proxecto coa inclusión de novos estilos musicais ata establecer un bo diálogo con diferentes xéneros e estilos que teñen a lusofonía como motor principal. Con estas premisas ben definidas e coa sonoridade particular que caracteriza esta formación, Clave de Fado comezou a compoñer temas propios e fíxose un nome propio no mundo da cultura galega. Neste proceso evolutivo, esta formación artística incorporou en 2014 a Paco Dicenta, un recoñecido músico multidisciplinar co que gravou o seu primeiro disco, ‘Xanelas’, un traballo completo integrado por versións de grandes temas de música galega e portuguesa, ademais de composicións propias (fados galegos, bossas fadeiras, cantiga galega afadista...), para o que contaron coa participación de Uxía Senlle, Isaac Garabatos, Sapoconcho, David Outumuro e Dani López. A renovación de Clave de Fado non se detivo coa gravación do seu primeiro disco, un feito que precedeu a marcha de Pepe Piña, un dos fundadores do grupo, para emprender un proxecto persoal. O compositor e guitarrista Isaac Garabatos pasou logo a cubrir este baleiro en Clave de Fado, ao que tamén incorporou o seu estilo virtuoso e actual. A asistencia ao concerto de Clave de Fado e libre e de balde ata completar o aforo, do mesmo xeito que todas as actividades organizadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento do Concello de Lugo e da Deputación de Lugo, así como da propia Universidade de Santiago de Compostela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2015.