As claves científicas do envellecemento do cerebro abren unha nova edición dos Diálogos sobre lonxevidade de Afundación, coa colaboración da USC

Teremos cura para enfermidades como o alzhéimer e o párkinson? Por que algúns transtornos neurodexenerativos son máis comúns na vellez? Que é a xerociencia? Sobre estes e outros temas versará a primeira das actividades dunha nova edición dos Diálogos sobre lonxevidade e envellecemento que organiza Afundación. Terá lugar o día 24 de outubro ás 18.30 horas no Centro Obra Social ABANCA en Santiago (Praza de Cervantes s/n).
Serán dúas especialistas de primeiro nivel mundial as que compartan os seus coñecementos neste diálogo aberto ao público, que leva o título ‘Cando o cerebro envellece: retos e esperanzas’. Trátase de Ana María Cuervo, directora do Centro de Estudios sobre o Envellecemento do Albert Einstein College of Medicine de Nova York; e da catedrática de Bioloxía Celular da Universitat de Valencia Isabel Fariñas, referente internacional no estudo das células nai neurais. A sesión estará moderada polo doutor Manuel Collado, investigador do Centro Nacional de Biotecnoloxía, dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, e que dirixe o seu grupo de investigación no CIMUS da Universidade de Santiago de Compostela.
Perspectiva multidimensional
Os Diálogos sobre Lonxevidade e envellecemento son un ciclo divulgativo e científico no que voces autorizadas abordan, desde unha perspectiva multidimensional, accesible e amena, aspectos da investigación científica relacionados co proceso do envellecemento. Nos diálogos trátanse, ademais, os factores cotiáns e sociais que inflúen en como vivimos e envellecemos – a nutrición, o exercicio, o soño, as relacións sociais, etc. – sobre os que podemos incidir de forma directa ao longo da nosa vida.
Afundación, que ten coma parte da súa misión potenciar o papel das persoas maiores na sociedade, promove esta actividade en colaboración co laboratorio de investigación ColladoLab do CIMUS da USC, liderado por Manuel Collado, e a Fundación IDIS, e enmarcado no congreso da Sociedade Española de Bioloxía Celular (SEBC2025) que terá lugar na Facultade de Bioloxía da USC entre os días 21 e 24 de outubro.
As actividades poden seguirse tanto de maneira presencial como a través de Afundacion.TV, que as emite en directo e permite tamén o visionado posterior.
Voces expertas
Na primeira das actividades, a deste 24 de outubro, tamén se abordarán asuntos como a capacidade do cerebro para adaptarse a novas situacións ou a rexenerarse, os avances da xerociencia ou os mecanismos que poden favorecer o proceso de limpeza celular, como é o caso do soño ou o xaxún.
Ambas as participantes levan anos liderando investigacións relacionadas con estes asuntos. A doutora Ana María Cuervo é catedrática Robert e Renée Belfer no Albert Einstein College of Medicine de Nova York, onde ademais de dirixir o Centro de Estudos sobre o Envellecemento é profesora distinguida de Bioloxía Molecular do Desenvolvemento e de Medicina. Cuervo é a responsable dun grupo pioneiro no estudo dos mecanismos de limpeza e reciclaxe celular e o seu papel no envellecemento e en enfermidades como o alzhéimer, o párkinson ou os trastornos metabólicos. Está entre o 1 % das voces científicas máis citadas do mundo.
Pola súa banda, a doutora Isabel Fariñas é catedrática de Bioloxía Celular na Universitat de Valencia e coordinadora da unidade de Neurobioloxía Molecular (NeuroMol). É un referente internacional no estudo das células nai neurais e o seu microambiente. En 2024 foi distinguida co Premio Nacional de Investigación Santiago Ramón y Cajal. Fariñas representa unha das voces máis influentes na neurociencia española e europea.