Clínicas veterinarias, a música e a danza na educación e a nanotecnoloxía, temas dos cursos que se celebrarán en xullo no Campus de Lugo
A clínicas veterinarias, a música e a danza na educación e os nanomateriais son os temas dos tres cursos de verán que se impartirán no Campus de Lugo no mes de xullo. O prazo de inscrición está xa aberto vía Internet e tamén de forma presencial na oficina da Vicerreitoría de Cultura de Lugo. O prazo pechará dez días antes do comezo do curso.
A taxa xeral de matrícula é de 120 euros para os cursos de 30 ou máis horas e de 70 para os demais. Existe ademais un prezo reducido para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC de 70 euros no primeiro caso e de 40 para os cursos de menos de trinta horas. Por outra banda, para facilitar a súa realización a todo o que o desexe ofertáronse 230 bolsas de matrícula gratuíta.
Clínicas veterinariasO primeiro curso que se celebrará no Campus de Lugo no mes de xullo leva por título ‘As clínicas veterinarias na sociedade do benestar: o veterinario como profesional da nutrición, manexo e protección dos animais de compañía’ e está dirixido por Vicenta Rueda Núñez. As clases, que representan un total de 16 horas, desenvolveranse os días 10 e 11.
Con este seminario preténdese analizar de que maneira a realidade social afecta ao desenvolvemento da actividade do veterinario de pequenos animais. Catro obxectivo rexen esta convocatoria: estudar o efecto do comportamento animal sobre a sociedade, coñecer como actúa o veterinario clínico ante o impacto dos problemas xeriátricos das mascotas no seu contorno, abordar as inquietudes xeradas polos animais exóticos e facer unha aproximación á influencia que ten esta sociedade multicultural sobre os esquemas e as premisas tradicionais das clínicas.
Música e danzaTrinta horas de duración terá o segundo curso que se impartirá en Lugo, entre o 14 e o 17, co título ‘Música e danza na educación’, que está dirixido por Julia Estévez Mengotti e María de los Ángeles de la Calle Sampedro.
O obxectivo deste curso é construír e ofrecer un espazo de encontro para docentes interesados en vivir, reflexionar e intercambiar ideas, experiencias e coñecemento ao redor da música, o movemento, a danza e a arte na educación. Parten da premisa de que integrar hoxe a música e o movemento no contexto educativo debe dar lugar a suscitar cambios e melloras reais que transformen a práctica educativa. Neste sentido, tanto a música como o movemento, aparte de facer a súa propia e característica contribución á escola tamén axuda a desenvolver outros obxectivos da educación. O curso demostra que non só se deben desenvolver e consolidar destrezas musicais ou de movemento senón que tamén se debe enriquecer a aprendizaxe doutras áreas. Pretende tamén dar pé a este cambio axudando a entender como a música e o movemento poden contribuír ao desenvolvemento formativo e ampliar ámbitos como a educación persoal, social e de cidadanía.
NanomateriaisO último dos cursos que se celebrarán en Lugo en xullo, concretamente entre o 14 e o 18, leva por título ‘Nanomateriais: realidade ou ficción?’ e está dirixido por Francisco Fraga López e José Blanco Méndez, tamén con 30 horas de duración.
Os obxectivos deste curso son dar a coñecer a importancia da ciencia de materiais e a súa repercusión na sociedade actual a través do emprego de novos materiais en diferentes sectores industriais e na vida cotiá, e os últimos avances en nanotecnoloxía. Así mesmo, fomentarase a divulgación social destes novos materiais e porase de manifesto a importancia e presenza da nanotecnoloxía nos novos plans de I+D+i por parte de organismos públicos e privados.