O CLM amplía ata o 4 de xullo o prazo de matrícula nos cursos intensivos de verán con prazas libres

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC abre dende hoxe xoves e ata o 4 de xullo un novo prazo de matrícula nos cursos intensivos de verán nos que quedaron prazas libres e que se impartirán en Santiago e Lugo do 7 ao 18 de xullo. En Santiago ofértanse cursos de alemán, árabe, catalán, chinés, euskera, grego moderno, italiano, polaco, portugués, xaponés e lingua de signos española, e en Lugo de alemán, portugués e lingua de signos española. Todos eles de iniciación. Ademais ofrécese francés e inglés. Este segundo nos niveis intermedio I, intermedio II e avanzado, para os que haberá que realizar unha proba de nivel o 3 de xullo ás 14.30 horas en Dereito. As persoas interesadas poderán inscribirse nela ata o 2 de xullo por internet ou poñerse antes en contacto co CLM. A proba de nivel é tamén necesaria para asistir a un novo curso titulado ‘English for Academic Purposes’ e impartido pola profesora convidada do University Language Centre da Universidade de Manchester, Jane Bootomley. En canto aos estudos específicos, o CLM volve organizar o curso de preparación para os exames NOKEN de lingua xaponesa como lingua estranxeira. Dende 2012 a USC é unha das tres universidades que realizan exames oficiais deste nivel. O programa deste verán inclúe unha actividade lúdica que á vez servirá de reforzo ao aprendido. Así, o penúltimo día das clases, o xoves 17, o alumnado e o profesorado asistirán a unha velada-concerto na cafetería universitaria SEU coa actuación do conxunto musical Bloody e os maris que incluirá cancións en inglés. Maiores de 16 Os cursos do CLM están dirixidos preferentemente a alumnado da USC que marche cunha bolsa de mobilidade a algunha universidade estranxeira pero están tamén abertos a maiores de 16 anos. Os de iniciación inclúen contidos do nivel A1 segundo o Marco Común Europeo de Referencia, necesarios durante as estadías de estudos, traballo e/ou de turismo, así como outros relacionados coa cultura do país. A USC mantén as mesmas taxas de matrícula que en anteriores edicións con dúas modalidades, unha xeral de 175 euros e outra reducida para membros da comunidade universitaria de 150 euros. Elevado grao de satisfacción
As 300 persoas que o pasado verán participaron nestas clases intensivas manifestaron un grao de satisfacción moi elevado (4,57 sobre 5) coas clases recibidas, segundo unha enquisa realizada polo propio centro. A principal motivación que esgrimiron para apuntarse aos cursos do CLM foi o interese polos contidos (68%), aínda que tamén unha destacada porcentaxe (22,3%) se matriculou buscando a habilitación profesional.