Ir o contido principal

O CLM amplía o prazo de matrícula nos cursos de idiomas do segundo cuadrimestre

O Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) amplía o prazo de matrícula nos cursos do segundo cuadrimestre no Campus de Santiago, onde están programados cursos cuadrimestrais de 40 horas de árabe, catalán, checo, chinés, danés, lingua de signos, portugués, ruso e xaponés. En Lugo ofértase un curso cuadrimestral de inglés e como novidade un curso de iniciación de lingua de signos. Ademais, o alumnado terá á súa disposición unha nova edición dos cursos de galego para non galegofalantes, tanto en Santiago como en Lugo. A oferta do CLM completase cun Curso de Literatura e Cultura Española a través do Cine e outros de Preparación para o Exame DELE de español, así como varios de Español como lingua estranxeira para o estudantado de intercambios e persoas externas. Tamén no campus de Santiago haberá unha nova edición do curso de Catalán preparación para os exames do IRL, co prazo de preinscrición para a proba de nivel aberto ata o día 28 de febreiro de 2013. Matrícula e requisitos O único requisito para tomar parte nestes cursos é ter cumpridos 16 anos de idade. O prazo de matrícula para os cursos de árabe, catalán, checo, chinés, danés, galego para non galego falantes, lingua de signos, portugués e ruso amplíase ata o 12 de febreiro, mentres que para o curso de Cultura e Literatura Española a través do Cine estenderase dende o 11 de marzo ata o 15 de abril. Finalmente, o prazo para o curso preparatorio do DELE B2 rematará o 2 de marzo e a matrícula no curso de Catalán de preparación para os exames do IRL 28 de febreiro de 2013. Todas as persoas interesadas en cursar estudos nunha lingua da que xa posúan coñecementos previos e non fixeron a proba de nivel, terán que poñerse en contacto co profesorado que imparte os cursos a través do enderezo clm [at] usc.es (clm[at]usc[dot]es). As persoas que non conseguen matricularse nalgún dos cursos do 2º cuadrimestre terán outra oportunidade en xullo 2013, cando o CLM da USC organiza intensivos de verán de dúas semanas, este ano coa lingua eusquera como novidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.02.2013.