O Club USC logra tres medallas no Campionato Galego Cadete de pista cuberta

O equipo de atletismo da USC colectou tres medallas no Campionato Galego Cadete de pista cuberta celebrado no estadio de Riazor onde ademais os nove integrantes do Club USC puideron mellorar as súas marcas persoais. Entre as actuacións máis destacadas, Pablo Rodríguez acadou o primeiro posto en 50 metros valados cunha marca de 8.65, ademais alcanzar o subcampionato en altura, para o que superou a barreira dos 1.60 metros. Completando o medalleiro deste campionato, Pablo Saa subiu ao segundo chanzo do podio na proba de triplo cun salto de 11,93 metros, mentres que Navia López acadou a quinta posición en salto de altura coa barreira en 1.30 metros. Campionato veteranos
No mesmo campionato, o Club USC tamén acadou unha actuación destacada na modalidade de veteranos. Jesús Raña Platas e Esther Pedrosa Carrete proclamáronse campións galegos de 1.500 metros nas modalidades masculina M60 e feminina W50, José Manuel Mayán Santos nas de 50 metros lisos, peso e en lonxitude M70. Ademais, José Manuel Ruiz Pérez alcanzou a prata en salto de lonxitude e en salto triplo en M40; Massimo Lazzari, bronce en salto de lonxitude M45 e Manuel Bello García tamén terceiro en 1.500 metros M55.
Na competición cadete, os nove atletas do Club USC melloraron sensiblemente as súas marcas.