Ir o contido principal

“Coidamos que a lingua galega non goza de boa saúde”

Na Casa de Rosalía deron lectura á carta aberta, que logo asinaron individualmente
Na Casa de Rosalía deron lectura á carta aberta, que logo asinaron individualmente
Un grupo de estudantes de Educación Social da USC solicita dos poderes públicos unha maior atención á lingua galega

Sesenta alumnos e alumnas da materia 'Educación e sociedade en Galicia’ que se imparte no primeiro curso de Educación Social da USC trasladáronse este mércores á Casa de Rosalía en Padrón para dar lectura e aprobar unha Carta aberta sobre a situación da lingua galega que encabezaban co lema ‘Coidamos que a lingua galega non goza de boa saúde’. A iniciativa xurdiu dun cuestionario que o profesor Antón Costa lle pasou ao alumnado ao comezo de curso sobre cuestións relacionadas coa sociedade galega, tanto dos seus trazos básicos socio-económicos e culturais como de observación dalgunhas das súas dinámicas sociais. As maiores converxencias nas respostas producíronse na valoración do estado da lingua galega, “ que non goza de boa saúde”, concluíron. Así, denuncian a abundancia de estereotipos sociais e lingüísticos –“que se traducen en prexuízos”–, a ineficacia das accións a prol da lingua galega e que a sociedade “con máis poder de influencia social” non use esa lingua. “Nós mesmos tamén cedemos con frecuencia e pasamos a falar en castelán, en ocasións por medo ‘ao que dirán’”, engaden. Na carta aberta –que hoxe enviaron aos máximos representantes da Xunta de Galicia, Parlamento galego, Consellaría de Cultura e Educación, Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega, Universidade de Santiago e Grupos Parlamentarios–, reclaman máis atención á lingua dos poderes públicos. “Non queremos dicir que non se estea facendo nada”, explican, “pero nas nosas vidas non apreciamos que se estean a emprender medidas adecuadas e favorables á causa do galego”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2014.