Ir o contido principal

A colaboración ALICE do CERN, con participación da USC, presenta datos que comproban a simetría entre materia e antimateria

O experimento ALICE no Gran Colisionador de Hadróns (LHC) no CERN realizou unha medición precisa da diferenza entre as proporcións da masa e carga eléctrica en materia e antimateria mediante medidas de núcleos lixeiros e antinúcleos. Estes resultados confirman unha simetría fundamental da natureza cunha precisión sen precedentes para os núcleos lixeiros e foi publicada hai dúas semanas en Nature Physics. A medida comproba que as leis da física son as mesmas baixo inversións simultáneas de carga, reflexión das coordenadas espaciais e inversións temporais. Estes resultados estanse a presentar esta semana na conferencia Quark Matter 2015, que ten lugar en Xapón e onde os investigadores da USC teñen una importante representación. ALICE –experimento no que se atopa integrado o grupo de Fenomenoloxía do Departamento de Física de Partículas da USC- rexistra colisións de alta enerxía de núcleos de chumbo no LHC, o que fai posible estudar a materia a moi altas temperaturas e densidades. Deste xeito, é posible recrear as condicións do Universo primixenio nos instantes posteriores ao Big Bang, cando todo era un líquido ideal a temperaturas varios centos de miles de veces superiores ás que se rexistran hoxe no centro do sol.

As colisións de núcleos de chumbo son unha fonte abundante de partículas e antipartículas, ademais de que os núcleos e antinúcleos correspondentes son producidos a velocidades semellantes. Como explican os investigadores, estas características permiten ao experimento do LHC facer unha comparación detallada das propiedades da materia e a antimateria mediante a detección de núcleos e antinúcleos que se producen de xeito máis abundante. As medidas das diferenzas de carga e masa en partículas e antipartículas obtidas por ALICE son compatibles con cero, o que implica que as simetrías das leis fundamentais da física non son alteradas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2015.